Soutomaior investirá 45.700 euros na renovación do cemiterio de Arcade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O Concello de Soutomaior terminou a redacción do proxecto de renovación de redes e pavimentos do cemiterio de Arcade. O plan, que conta co apoio e financiamento da Deputación de Pontevedra, contempla a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais así como a substitución do pavimento no interior do camposanto. Os traballos darán comezo nos próximos meses e contan cun orzamento de 45.700 € para a súa realización.

Nestes momentos o camposanto carece de canalizacións para a recollida e evacuación de augas pluviais, o que contribúe notablemente á deterioración do pavimento no interior do mesmo e que pronto se verá emendada mediante a instalación dunha nova e completa rede de conducións con enganche ao sistema xeral. Este novo servizo realizarase mediante tubaxes de PVC de distintos diámetros, asentadas sobre unha cama de formigón, e o intercalado de arquetas cada 30 metros co fin de evitar atascos no sistema e facilitar os futuros labores de limpeza.

Do mesmo xeito, os traballos contemplan unha total renovación do pavimento interior do camposanto, que neste momento presenta zonas moi desgastadas polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas. Algunhas destas áreas consisten en soleiras de morteiro, moi antigas e sen armado nin estrutura interna. Neste sentido o proxecto contempla a total retirada e substitución das mesmas por outras de formigón armado, de 10 cm de espesor e malla electrosoldada baixo o que se aloxará un tecido deseñado especificamente para evitar o crecemento de herbas e vexetación que poidan danar e empobrecer a imaxe do camposanto.

Ademais, procederase ao desmonte e traslado da mesa de pedra a unha nova localización para evitar que resulte danada durante as obras así como á instalación dun anel perimetral de tubo corrugado en previsión de futuras instalacións eléctricas para a iluminación pública.

Estas obras pretenden garantir unhas condicións de hixiene, salubridade e protección do medioambiente na contorna inmediata do cemiterio de Arcade. “É un servizo de gran importancia para a comunidade”, asegurou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera “os fieis e familiares coidan os nichos manténdoos en bo estado, e a nosa obrigación desde o Concello é corresponder a este esforzo e estar á beira dos nosos veciños e as súas preocupacións”.

6 de maio de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.