Soutomaior comeza os traballos de acondicionamento do novo aparcadoiro público en Arcade
O Concello de Soutomaior comezou as obras no exterior do colexio público Manuel Padín Truiteiro co fin de habilitar xunto á entrada unha área de aparcadoiro público. O solar, de 300 metros cadrados, foi comprado recentemente polo concello co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na contorna do centro escolar evitando as retencións ocasionadas pola acumulación de vehículos nos horarios de entrada e saída dos alumnos.
Co comezo dos traballos de desterre dá saída a un proxecto que pretende estar finalizado e en completo servizo antes do inicio do próximo curso escolar. O novo equipamento paliará o déficit de espazo para estacionar vehículos nunha zona especialmente sensible xa que conta con varios centros docentes nos arredores. A edil de educación, Fátima Vidal, expresou a súa satisfacción polo comezo das obras, froito da colaboración entre os distintos departamentos municipais, “Desde a concellaría de Educación coordinamos a diferentes seccións municipais para buscar, adquirir e reformar un lugar alternativo onde os pais poidan aparcar para deixar e recoller aos seus fillos no colexio”.
Do mesmo xeito, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, sinalou que a nova zona de aparcadoiro “supón unha gran mellora no servizo para todos os veciños, tanto para os usuarios do centro escolar como para os que non o son, xa que contribuirá a mellorar a situación do tráfico en toda a zona evitando aglomeracións”.