Sotelo traslada ao Colexio de avogados de Pontevedra o compromiso de Cangas na defensa do partido xudicial
Esta mañá o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo recibiu ao decano do Colexio de Avogados de Pontevedra Ramón Jáudenes, ao vicedecano Juan Carlos Abeigón e a delegada do colexio en Cangas Josefa Rúa na Casa do Concello para manter unha xuntanza na que o rexedor trasladou o compromiso do Concello de Cangas na defensa do Partido Xudicial de Cangas. Neste sentido Sotelo informou aos representantes do colexio profesional sobre as distintas actuacións impulsadas dende a administración local nunha cuestión que conta cun amplo consenso social e político na vila. Entre as iniciativas realizadas ao longo do último ano destaca a aprobación por unanimidade dunha moción conxunta de todos os grupos políticos da corporación municipal na sesión plenaria do mes de xuño do 2013 na que “instouse a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a retirada da actual proposta de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial do Ministerio de Xustiza así como que está implique que a Consellería de Xustiza teña as competencias sobre a delimitación e planta xudicial”, ademais de sinalar que a reforma debe acometer unha racionalización da xustiza “fundada nos criterios de respecto ao dereito á tutela xudicial efectiva, o acceso universal á xustiza e o achegamento da xustiza á cidadanía”. Pola súa banda Jáudenes fixo entrega ao rexedor dun informe elaborado pola institución sobre ‘A Reforma da LOPX e a súa incidencia na planta e demarcación xudicial: afectación dos partidos xudiciais da provincia de Pontevedra’.











