Sométese a información pública o vial que mellorará a comunicación de Lousame co corredor Brión-Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaLousame
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da conexión dende Portobravo, Concello de Lousame, coa AC-543 (Vidán – Noia). O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se inicia o período de consultas públicas do proxecto.

A conexión proxectada, que en total conta cunha lonxitude de 1,2 quilómetros, permitirá que, partindo do enlace co corredor CG-1.5 Brión- Noia en Sampaio, a través da conexión posta en servizo recentemente coa AC-543, e discorrendo a través desta e do vial que se somete a información pública, os usuarios se acheguen ao núcleo de Portobravo por un itinerario mais áxil e seguro, evitando o tráfico de características máis urbanas da travesía de Noia.

A nova comunicación mellorará a accesibilidade ao Concello de Lousame, incrementará a seguridade viaria dos usuarios e reducirá a lonxitude e o tempo de percorrido.

O trazado deseñado iníciase na estrada AC-308 (Augasantas-Noia), nas proximidades de Portobravo. Na selección do punto de inicio tívose en conta que este debe ser compatible con posibles actuacións de mellora da accesibilidade a Noia e a Boiro, que se desenvolverían en futuros proxectos, de acordo coa planificación.

Desde o punto de inicio, no que se executará unha glorieta, defínese un vial de nova execución de 840 metros de lonxitude que finaliza na AC-311 en A Fialla, na travesía de Noia, nunha segunda glorieta. O vial deseñado conta con 10 metros de plataforma e un trazado adaptado ao terreo.

Esta nova infraestrutura permite reducir en algo mais dun quilómetro a lonxitude a percorrer polos usuarios, que ademais evitarán a intersección actualmente existente entre as estradas AC-311 e AC-308, moi encaixada entre edificacións.

A continuación, o vial apóiase nunha estrada local que comunica as vías de titularidade autonómica AC-311 e AC-543, na que finaliza o eixe proxectado. A estrada local, de 280 m de lonxitude, será ampliada para aumentar a súa capacidade, resolvéndose mediante unha nova glorieta a intersección coa AC-543.

Desde este punto, os usuarios poderán acceder de forma rápida e segura ao corredor Brión – Noia utilizando a conexión executada na mesma estrada AC-543 en Sampaio, posta en servizo pola Xunta en 2012.

Situación actual

Na actualidade a conexión con Lousame é sinuosa e practicamente, na súa totalidade, pode asimilarse a unha travesía, tendo en conta as edificacións que existen en ambas marxes. Isto fai que a conexión entre o municipio de Lousame e o corredor CG 1.5 non sexa cómoda ni rápida para os usuarios. O proxecto da nova conexión ten por obxectivo entre outros, eliminar esta problemática e habilitar un novo vial para mellorar as condicións de seguridade vial do itinerario.

A actuación conseguirá ademais mellorar dúas interseccións existentes, que na actualidade presentan reducida visibilidade, ao transformalas en glorietas que obrigan ao condutor a reducir a velocidade, de xeito que os cruzamentos se realizarán de forma mais segura.

Expropiacións

Para a execución dos traballos será necesario ocupar terreos ao seu paso polo termo municipal de Noia. Tendo en conta a situación do solo, a súa clasificación urbanística e o seu aproveitamento agrícola, así coma as indicacións recollidas na normativa vixente en materia de expropiacións no relativo ás valoracións, o valor da expropiacións estímase no proxecto de trazado en aproximadamente 220.000 euros.

22 de maio de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.