Solicítase a pena de 50 anos de cárcere para o autor confeso do homicidio de Lupe Jiménez
A acusación particular pedirá unha pena de prisión de 50 anos para a parella de Lupe Jiménez, autor confeso do homicidio da muller de Vilaboa (Pontevedra) de 37 anos, acontecido o pasado mes de febreiro.
Tal e como trasladou a Sociedade Xitana de Galicia nun comunicado, o avogado da acusación solicitará no xuízo unha pena de, “como mínimo”, 25 anos de prisión polo asasinato da muller e outros tantos polo seu fillo nonato, xa que estaba embarazada cando faleceu.
Ademais, pedirán que se contemple a agravante de aleivosía e que se asigne unha “indemnización importante” para os fillos da muller. Igualmente, solicitarán que se conceda unha orde de afastamento do home da comunidade galega por un período de 25 anos a partir do momento en que saia do cárcere.
Despois de que a parella da muller, José Luis Cortiñas Romero, confesase cometer o crime, a Sociedade Xitana en Galicia emitiu un comunicado no que afirmaba que “calquera familiar” do home que residise nas provincias de Pontevedra e A Coruña estaba “expulsado” destas, como resolvera “a lei xitana” para “evitar baños de sangue”.
Así mesmo, a Asesoría Xurídica da Xunta tamén se constituíu como parte, por instancia da Secretaría Xeral de Igualdade, como acción popular neste caso de morte por violencia de xénero.