SMA chama a atención sobre verteduras industriais no saneamento da depuradora de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

Solucións Ambientais e Augas –SMA-, empresa instaladora e responsable do correcto funcionamento da estación depuradora de augas residuais domésticas instalada en O Facho-Castrelo (Cambados), alerta da presenza de verteduras industriais que xeran grandes cantidades de hidrocarburos e graxas no pozo de bombeo e na propia planta de tratamento, o que está a impedir o seu óptimo funcionamento.

Desde 2011, SMA informou en reiteradas ocasións ao Concello e ao Plan de Control de Verteduras de Augas de Galicia destas verteduras, que están a deteriorar o funcionamento da depuradora. De feito, SMA enviou xa en 2011 a estas institucións unha exhaustiva análise, efectuado por un laboratorio acreditado independente, que demostraba que a auga que chega á depuradora excedía –e segue excedendo- os límites estipulados para augas residuais domésticas.

Como consecuencia dese informe, o Plan de Control de Vertedura (PVC) de Augas de Galicia activou un protocolo de seguimento e recompilación de información sobre a estación depuradora, someténdoa a inspeccións regulares que confirmaron a presenza de verteduras de orixe industrial na rede de saneamento. O Concello foi informado desta situación.

Esta vertedura de orixe industrial está a afectar gravemente ao funcionamento da planta, deseñada para o tratamento e rexeneración de augas residuais domésticas. De acordo cos requisitos esixidos pola Directiva europea 91/271/CE, este tipo de depuradoras non admiten augas residuais de procedencia industrial nin de escorrentía pluvial. A isto habería que engadir que os volumes das verteduras de orixe industrial exceden amplamente o caudal de deseño da planta depuradora ocasionando sobordes no pozo de bombeo.

19 de maio de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.