Siglobal recoñece que as obras de Inglaterra foron duras pero nega explotación laboral
A empresa Sistemas de Enxeñaría Global S.A., Siglobal, negou que os seus empregados estiveran sometidos a condicións de explotación laboral ou traballaran sen medidas de seguridade axeitadas.
Así trasladárono fontes próximas á compañía a raíz das denuncias de varios extraballadores que este xoves aseguraron que, durante os máis de tres meses que traballaron na construción dun parque fotovoltaico en Inglaterra, tiveron xornadas “irregulares e excesivas”, se incumpriron medidas de seguridade, houbo falta de hixiene e a comida era “insuficiente”.
Siglobal recoñeceu que as obras “foron moi duras” porque en Inglaterra “non paraba de chover” e o parque fotovoltaico atopaba “nun lodazal”, pero incidiu en que “todo o demais non é certo” e, de feito, aínda que nesa obra contaron cuns 100 empregados, “é a primeira noticia” que teñen sobre estes problemas.
En relación á reclamación do extraballador Fermín Durán acerca de que el e varios compañeiros non cobraron as súas liquidacións, salarios e axudas de custo, a empresa viguesa asegurou todos os traballadores “foron cobrando todo a medida que finalizaron nas obras” e sinalou que só lles resta pagar as primas de produción a uns 10 empregados e as liquidacións outros dous, entre eles o propio Durán.
“O resto cobraron todo”, aseguraron as mesmas fontes, que engadiron que se aínda faltan estes pagamentos “non é porque non se quixera pagar” senón porque ao entrar o pasado mes de abril en concurso de acredores non teñen liquidez. De tódolos xeitos, adiantaron que todos eles “cobrarán en breves”.
Durán tamén indicou este xoves que en Inglaterra había “malas condicións” para durmir e que chegaron a ter ata sete aloxamentos en tres meses. Non obstante, a empresa asegura que estas palabras “non se axustan á realidade” e que “se pagaron barbaridades en casas e hoteis” para estes empregados, que tamén tiñan axudas de custo para comprar a súa propia comida.