Servizos Sociais de Cangas acolle unha charla para animar ás familias da zona a participar como acolledoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O vindeiro martes día 6 de maio, ás 19:00 h. no Salón de Plenos do Concello de Cangas, a Concellaría de Servizos Sociais, Sanidade e Muller, organiza unha charla para a poboación en xeral, na que membros de Cruz Vermella darán a coñecer o proxecto que a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia realiza a través de Cruz Vermella, e no que a familia é o alicerce básico de intervención.

O ACOLLEMENTO FAMILIAR

O obxectivo desta actividade é divulgar o Proxecto de Acollemento Familiar e resaltar a importancia que a familia ten no desenvolvemento integral dos menores, xa que é recoñecida universalmente como a unidade básica da sociedade.

O proxecto é un recurso que ten como principal obxectivo proporcionar unha alternativa aos menores con idades comprendidas entre o cero e o dezaoito anos, cuxas familias atravesan unha situación de crise ou dificultade que lles impide atender correctamente, de forma temporal, aos seus fillos. Deste xeito, favorécese o acollemento temporal de nenos e adolescentes nunha contorna que non é o seu, converténdose nunha alternativa de convivencia en familia para os menores que se atopan nunha situación de risco ou de abandono procurando manter, sempre que sexa posible, o contacto coa súa familia de orixe.

Na actualidade, Cruz Vermella conta con 24 familias na provincia, que están a acoller a 31 menores. Este proxecto é atendido por un equipo de profesionais da entidade que analizan cada posible situación e buscan a familia idónea para cada menor, proporcionando o apoio e a formación necesaria ás familias, realizando un seguimento continuo do acollemento.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Muller Dores Galego sinala que “este coloquio trata de informar o conxunto da sociedade sobre a existencia do Proxecto de Acollemento Familiar, en que consiste e que requisitos hai que cumprir ademais de dar resposta a unha demanda de diversas familias de Cangas que están interesadas en participar nesta iniciativa”.

Para participar como familia acolledora e formar parte do Proxecto de Acollemento Familiar pode facelo calquera familia, con independencia do número de membros da unidade familiar, do seu estado civil ou da súa condición social, aínda que si teñen que cumprir uns criterios de idoneidade como ter ausencia de finalidade adoptiva, respectar e aceptar as características do menor e da familia de orixe e que exista acordo por parte de todo o núcleo familiar de face ao acollemento. As familias interesadas poden informarse nas dependencias de Cruz Vermella en Pontevedra C/ Cruz Vermella, 26 ou no teléfono 986 85 21 15, ou en pontevedra@cruzroja.es.

3 de maio de 2014 | 22:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.