Seis proxectos educativos concorren ao VIII Premio Igualdade na escola “Igualdá” en Vilagarcía
Seis proxectos educativos concorren este ano á oitava edición do Premio Igualdade na Escola “IgualDÁ” convocado polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello. O prazo de presentación rematou o 25 de abril polo que agora o xurado deberá avaliar cal das iniciativas presentadas polos centros educativos e Anpas se acollen mellor so obxectivos do certame que pretende educar e sensibilizar á poboación dende a infancia sobre a igualdade e a corresponsabilidade entre xéneros.
Os proxectos que concursan este ano son “Corresponsabilidade e Coeducación en Aralde”, da Escola Infantil Aralde-Sobrán; “Proxecto educativo para a Igualdade”, do CEIP Rubiáns; “O cambio está nas nosas mans”, da escola Infantil A Galiña Azul; “Xornadas de Igualdade no Anexo”, da Anpa Doutro Fleming e o CEIP Anexo A Lomba; “Proxecto de Igualdade e prevención da violencia: meu pai cóidame”, da Anpa do CEIP Vilaxoán; e “Somos diferentes. Somos iguais”, da Anpa do Vagalume.
O Premio de Igualdade na Escola do Concello de Vilagarcía creouse coa intención de promover a educación en igualdade e de previr e erradicar a violencia de xénero, a través de proxectos educativos a desenvolver nos centros de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato do municipio.
Os proxectos a concurso de deben tratar sobre o tema da educación para a igualdade e a prevención da violencia de xénero, cunha aplicación necesariamente práctica. Por iso deberá ter comezado o seu desenvolvemento nas aulas ou na comunidade educativa, aínda que non rematado, na data de finalización do prazo de presentación das propostas.
A Área de Igualdade do Concello concederá un primeiro premio valorado en 1.000 euros ao mellor proxecto educativo e un segundo de 500 euros para a segunda proposta mellor valorada polo xurado.
Os criterios de valoración polos que se guiará o xurado para fallar o Premios serán a calidade e o carácter innovador das propostas, a capacidade de implicar a outros membros da comunidade educativa, a coherencia coas actuacións propostas, a transferencia de resultados á práctica docente cotiá, e a sinerxia da propostas.











