Seis medallas para os cadetes galegos no Open de España de Combate
A selección galega cadete acadou hoxe un total de seis medallas (un ouro, dúas pratas e tres bronces) no Open de España de combate da categoría cadete.
O ouro foi para Adrián Pombo (-65, Maniotas) e para iso tivo que eliminar en primeira rolda e de forma rotunda a Ventura Lozano (0-9) e nas semifinais ao francés Mendi Jermami (2-6). A final foi contra o andaluz Arturo Leo Aparicio (0-2).
Tamén hai que destacar a prata de Antón Romero (-33, Natural Sada), que competía nun peso con moitos deportistas. Así, fixo un total de cinco combates e gañou catro deles para caer na final contra Pablo Medraño (3-1). Antes superou a un finlandés (3-8), Unai Orive (3-4), un sueco (1-0) e Sebastián Iulian Peptea (4.-2). Ademais, a segunda prata galega foi para Samuel Posada (+65, Doyang).
As medallas de bronce foron para Javier González (-61, Mace Sport), Oihana Gallego (-33, Taekanart) e Lorena Pardo (+59, Garrapucho).











