Santiago Futsal proclámase rei de Galicia
O Santiago Futsal proclamouse campión da Copa Xunta tras impoñerse 3-7 ao Burela nun partido no que os santiagueses rematan a tempada cunha alegría ben merecida tras o gran traballo realizado. Tras unha primeira parte impecable, os de Burela lograron empatar o partido e poñer en serios apuros os de Santi Valladares, que no último minuto sentenciaron un auténtico partidazo. Con esta, son xa 6 as Copas Xunta de Galicia do conxunto santiagués, que volve ser o equipo con máis títulos no seu haber.
O partido comezou equilibrado entre dous equipos moi intensos e con intencións sobre a portaría rival. Aos tres minutos inaugurouse o marcador cun tanto dos santiagueses tras unha xogada de estratexia de córner disparada por Barroso que Hugo só tivo que empurrar sobre a portaría dos da Mariña. Pouco durou a alegría, e é que tan só un minuto despois, Matamoros puxo o empate tras un forte disparo de falta directa que se coou na portaría santiaguesa. Con empate no marcador e o paso dos minutos, o Santiago Futsal conseguiu o partido, con ocasións moi claras, ante un Burela que chegaba en contadas ocasións á contra. Barroso foi quen logrou poñer por diante o seu equipo a 3 do descanso tras uns minutos finais de autentico asedio sobre a portaría de Edu.
Non puido comezar mellor a segunda parte para o Santiago Futsal, que tras un ataque de Burela que despexou Juanjo, marcou o terceiro tras unha gran xogada individual de David Pazos que asistiu a Quintela para poñer o 1-3. Burela tivo máis o balón nos seguintes minutos, sen crear excesivo perigo pola excelente defensa santiaguesa que se converteu nun muro ante un Burela que buscaba recortar distancias. O Santiago Futsal tratou de matar o partido con xogadas á contra e foi Hamza quen tivo a máis clara cara ao ecuador da segunda parte tras un disparo que Juanma sacou da liña de gol. A 6 minutos do final, Burrito vestiuse de porteiro-xogador para o Burela e no primeiro ataque foi Antoñito quen marcou o 2-3 cun forte disparo dende a frontal da área. O Burela continuou intentándoo e foi Milhomes quen puxo o empate a escasos 4 minutos do final tras disparar só ante a portaría de Juanjo. Co empate, Burela e Santiago Futsal xogáronllela con porteiro-xogador indo a por todas no partido. O partido decantouse a favor dos santiagueses a un minuto do final cando Quintela puxo por diante os santiagueses. Houbo tempo para máis goles, e é que Hamza marcou a portaría baleira tras pase de Barroso a 38 segundos para o final, o propio Hamza puxo o sexto dende a súa área a 17 segundos do final e Juanjo puxo o 3-7 definitivo a 7 segundos do final para delirio da afección.
Ficha do partido
CD Burela Pescados Rubén: Edu, Mimi, Juanma, Cristian e Iago Míguez (cinco inicial), Milhomes, Hugo, Burrito, Antoñito, Carlitos.
Santiago Futsal: Raúl, David, Barroso, Hugo e Diego Quintela (cinco inicial), David Pazos, Hamza, Palomeque, Eloy Rojas, Pablo Tallón.
Goles: 0-1 Hugo (min 3), 1-1 Milhomes (min 4), 1-2 Barroso (min 17), 1-3 Diego Quintela (min 22), 2-3 Antoñito (min 35), 3-3 Milhomes (min 37), 3-4 Diego Quintela (min 39), 3-5 Hamza (min 40), 3-6 Hamza (min 40), 3-7 Juanjo (min 40)
Amoestacións: Tarxeta amarela para Hamza do Santiago Futsal e para Carlitos e Milhomes do Burela Pescados Rubén.
Incidencias: Partido correspondente á Final da Copa Xunta disputada no Pavillón da Malata (Ferrol) ante 200 afeccionados do Santiago Futsal.











