San Sadurniño vivirá o deporte no mes de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Dar unha volta polo territorio compartindo unha xornada en bicicleta ao aire libre. Ese é un dos principais obxectivos da roda cicloturista que están preparando o Concello e o clube Biela e Chaveta para o domingo 15 de xuño. Trátase dunha ruta de 13 quilómetros de baixa dificultade que partirá do colexio público ás 11 da mañá. As inscricións poden empezar a facerse. Ademais, tamén segue aberto o prazo para apuntarse noutros eventos xa anunciados, como a I Ruta de sendeirismo do 1 de xuño e a I Carreira popular do día 8. Ademais, para o sábado 21 tamén hai organizada unha xornada de surf para os máis pequenos na praia de Pantín.

A ruta non é unha competición, senón un encontro de todos os amantes das dúas rodas para gozar dun paseo de lecer por San Sadurniño. É gratuíta e pode participar nela calquera persoa maior de seis anos. Só fai falla cubrir a ficha de inscrición e entregala na casa da Cultura ou o mesmo día da excursión no punto de saída. A inscrición é imprescindible para ter a cobertura do seguro de responsabilidade civil e de accidentes suscrito pola organización para o evento.

A roda arrancará o domingo 15 de xuño ás 11 da mañá de diante do colexio público de San Sadurniño. É obrigatorio o uso do casco e cómpre ter en conta que o tráfico non estará pechado durante o percorrido. Ademais, ningún participante poderá abandonar sen antes comunicarllo á organización. O regulamento entende que as persoas inscritas son responsables desde un punto de vista legal e que participan na roda a título persoal como excursionistas. A liña de chegada tamén estará situada no colexio.

A decimoprimeira edición da Roda Cicloturista en familia está organizada en colaboración co clube ciclista MTB Biela e Chaveta, dentro do convenio anual suscrito co Concello para impulsar o deporte das dúas rodas no municipio. Ademais, no evento tamén colaboran firmas comerciais -Transportes A. Fraga, Triscos e Fios, Café-bar Santos, EM Luz e Igaro Bikes-, ademais da Deputación da Coruña.

Sendeirismo, carreiras e surf

Antes do 15 de xuño San Sadurniño acollerá dúas importantes citas relacionadas tamén coa actividade ao aire libre. A primeira delas é a I Ruta de sendeirismo que percorrerá Naraío o domingo 1 de xuño. A saída está posta para as 10 da mañá e o trazado -de 13,5 km e dificultade media- terá saída e chegada no do local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol.

A ruta ten un especial interese debido a que pasará por lugares cun alto valor paisaxístico e cultural. Vai dirixida a persoas maiores de 9 anos que estean xa afeitas a andar. Neste caso aconséllase calzado cómodo, transpirable e tampouco estaría de máis -aínda que non é imprescindible- que teña certa rixidez e que protexa os nocellos.

A inscrición na ruta de sendeirismo é gratuíta e haberá que facela antes do 30 de maio na casa da Cultura ou ben enviando a ficha cuberta ao correo agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es.

Unha semana despois, o domingo 8 de xuño, a zona da Cortiña acollerá a I Carreira popular de San Sadurniñoonde haberá marcados tres percorridos distintos para cada categoría de idade. As inscricións poden facerse ata o 5 de xuño a través da web carreirasgalegas.com. O alumnado do CPI poderá apuntarse no propio centro e os equipos deberán facelo obrigatoriamente na Casa da Cultura.

A carreira organizada polo Concello e polo CPI contará coa asistencia de xuíces e xuízas de atletismo e as marcas cronometraranse con chips. Tanto estes dispositivos como os dorsais haberá que retiralos entre as 9.15 e as 11.20h. para a carreira absoluta -infantís de 2º ano e veteráns-, mentres que o resto de categorías deberán facelo media hora antes das súas respectivas probas.

Para os menores a inscrición é gratuíta e os maiores de 18 anos deberán pagar 2 euros. O pagamento deberá facerse a través da web da inscrición. As persoas que queiran participar por equipos terán que inscribirse individualmente e, posteriormente, presentar na casa da Cultura unha ficha cuberta coa relación de compoñentes sen que sexa necesario volver pagar a inscrición. Iso si, as bases indican que os equipos só poderán estar formados por persoas que teñan algunha vinculación co municipio, ben por estaren empadroadas ou traballar en San Sadurniño, por pertencer á comunidade educativa do CPI ou por ser integrantes dalgunha entidade do territorio.

A I Carreira popular Concello de San Sadurniño está organizada conxuntamente polo departamento municipal de Deportes e o colexio público coa colaboración da ANPA do centro. Ademais tamén participan varias firmas comerciais de dentro e fóra do municipio. O obxectivo principal da xornada é promover o exercicio e a actividade física en contacto coa natureza como un hábito saudable en todas as etapas da vida.

Por último, o Concello proponlle á rapazada de 12 anos en diante que pase un día ben entretido na praia de Pantín. Será o sábado 21 na denominada Xornada de surf, coa que se pretende que os nenos e nenas entren en contacto con este deporte. O único requisito para participar na proposta é que saiban nadar. O horario da actividade será das 10 ás 14 horas e de 15.45 a 18.30 horas.

A inscrición hai que facela na Casa da Cultura e cómpre apurar, xa que só hai 20 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de solicitude. Tamén alí é onde nos darán máis información sobre esta actividade que é gratuíta.

22 de maio de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.