San Sadurniño tramita as solicitudes para o programa de balnearios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ata o día 10 deste mes pódese solicitar no Concello ou na Xunta unha praza no programa “Benestar en Balnearios” que abre a posibilidade de botar dez días todo incluído nalgún dos trece centros termais que se ofrecen este ano. Hai que ser maior de 65 anos ou de 60 se se ten a condición de pensionista. Os prezos van desde os 316 aos 398 euros dependendo do establecemento que se elixa.

As solicitudes poden botarse desde xa mesmo, aínda que serán as xefaturas territoriais da Xunta quen fagan a baremación de cada unha delas. En Galicia ofértanse nesta campaña un total de 589 prazas que non se limitan só a tomar os baños, como adoita dicirse, senón que inclúen no prezo o aloxamento, a mantenza e os tratamentos termais durante dez días -nove noites-. Só queda fóra o desprazamento ata o balneario adxudicado, que terá que ser por conta dos usuarios.

As condicións son as seguintes:

– Ser maior de 65 anos ou ter feitos os 60 dentro do prazo de solicitude e ser pensionista.
– Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Atoparse en condicións de participar no programa e valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria.
– Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa en fase activa, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.
– Precisar o tratamento termal e carecer de contraindicación médica para a súa recepción.
– Ter presentada a solicitude, acompañada da documentación regulamentaria, dentro do prazo establecido.
– Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder ao destino solicitado.
– Ter efectuado a oportuna aceptación da praza e o pagamento do prezo estipulado no prazo que se estableza.

A convocatoria completa pode consultarse na web da Consellería de Traballo e Benestar, ou ben no departamento de Servizos Sociais do Concello de San Sadurniño os luns, mércores e venres. Quedan poucos días para solicitar praza, xa que o último día é o 10 de maio.

2 de maio de 2014 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.