San Sadurniño resolve a adxudicación das obras da escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño acaba de resolver provisionalmente o procedemento negociado para a selección da empresa que se encargará de converter os baixos do edificio anexo na escola infantil de San Sadurniño. Trala avaliación técnica das propostas presentadas a mesa propuxo adxudicarlle o traballo a Gonnaba Construcciones y Reformas SLL co compromiso de rematar a obra nun prazo máximo de dous meses despois de asinar o contrato. A adxudicación coincide coa publicación dunha enquisa para definir mellor un servizo que, se todo vai ben, empezaría a prestarse no outono.

O proxecto técnico da escola infantil cuantificou as obras en 109.677 euros, incluídos nun convenio asinado recentemente coa Deputación, que asume o 77% do investimento mentres que o Concello de San Sadurniño se fai cargo 23% restante.

O proceso de contratación iniciouse hai unhas semanas cun negociado ao que foron convidadas tres empresas: Construcciones Guerreiro Somozas SL, Arquitectura Rehabilitación Madeira e Construción SL (Areco) e Gonnaba Construcciones y Reformas SLL. Todas elas firmas da comarca que presentaron as súas respectivas propostas a un procedemento no que se valoraron, principalmente, aspectos como as calidades construtivas, o prazo de execución e, con menor peso na puntuación, tamén o prezo.

A mesa de contratación propuxo adxudicar o contrato á construtora naronesa Gonnaba, que achegou unha oferta de 108.470,95 euros e un prazo de execución das obras de dous meses, contados a partir da sinatura do contrato.

A adxudicación é provisoria polo de agora, pero se o procedemento segue o seu curso o acordo coa empresa podería asinarse á volta de dez ou quince días co que as obras arrancarían en xuño e deberían estar rematadas para agosto. Prazos que, de cumprirse, cadrarían co obxectivo municipal de ter listas as instalacións para abrir a escola ao longo do outono.

Enquisa sobre o servizo

Os datos demográficos que manexa o Concello apuntan a que a escola infantil é un servizo de conciliación necesario polo que están agardando familias de dentro e fóra do municipio. O centro situado no baixo do edificio anexo terá capacidade para 40 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos distribuídos en tres aulas nun espazo de 200 metros cadrados.

Porén, agora os departamentos de Educación e Igualdade están recollendo información estatística complementaria que permita saber con maior concreción cales son os servizos que demandan os usuarios potenciais. Por esta razón acaba de publicarse unha enquisa que as familias interesadas no servizo poden cubrir a través da web.

Trátase dun cuestionario totalmente anónimo que non garda datos persoais de ningún tipo. Nel pregúntase, entre outras cousas, polos horarios en que as familias botarían man do servizo; se precisarían servizos complementarios como almorzo, xantar ou merenda; se quererían un programa de actividades extraescolares ou, por exemplo, o municipio no que residen.

E é que a escola infantil municipal de San Sadurniño pretende ser centro de referenza da conciliación en toda a zona. Tal e como ten sinalado en repetidas ocasións o goberno local, a escola estará dimensionada para cubrir as necesidades do municipio, pero tamén as de territorios limítrofes, como Moeche, Cerdido ou Pedroso.

Ao respecto da xestión, o Concello está estudando distintas fórmulas que pasarían nestes momentos por un modelo externalizado, habida conta de que a lei non lles permite aos municipios contratar persoal. Cómpre lembrar tamén que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar rexeitou facerse cargo do centro para o próximo curso e que só se comprometeu verbalmente a estudar a posibilidade de integralo na rede A Galiña Azul para o ano 2015-2016. Unha espera de case dous anos “sen ningunha garantía”, tal e como asegurou no seu día o alcalde, que levou a San Sadurniño a emprender o proxecto educativo en solitario e con apoio provincial no caso das obras.

13 de maio de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.