San Sadurniño repara catro pistas municipais cun orzamento de 74.000 euros
A da Portela, a das Ramisqueiras, a da Rubiña e a de Casanova son as pistas que o departamento de Obras vai empezou a reparar con fondos europeos procedentes do FEADER. Son case dous quilómetros e medio de vías que precisan unha mellora que, no caso da da Portela, vai ir aglomerada por causa da intensidade de tráfico que soporta.
O Concello aprobou en outubro os proxectos dunhas obras que deberán estar rematadas no mes de xuño para a súa xustificación perante a AGADER. Esta axencia achega 60.949,80 euros con cargo ao Programa de mellora de camiños de titulariedade municipal, coñecido anteriormente como PEIM.
Os cartos destínanse a catro actuacións no Camiño Arriba-Lamas, en Naraío e en San Sadurniño. Así, no camiño das Ramisqueiras -duns 700 m de lonxitude e 3 metros de ancho- taparanse os baches e botaráselle unha nova capa de grava e asfalto. Este mesmo tratamento de restauración será o que se aplique na Casanova -315m. por 2,75 de ancho- e na Rubiña, onde a pista ten 240 m de longo e 3 metros de ancho medio.
A maior intervención resérvase para a pista que une a estrada que vai a Santa Mariña coa de Pedroso pasando por diante da capela de San Cristovo da Portela. Non é a que presenta peor estado, xa que se lle cubriron os baches que tiña o verán pasado. Porén, o intenso uso deste eixo viario levou ao Concello a deseñar un proxecto específico no que se lle dá un ancho uniforme de 4.5 metros a todo o trazado que, ademais, levará aglomerado, as gavias acondicionadas e sinalización horizontal. Desta maneira o departamento municipal de Obras agarda deixar lista para varios anos unha estrada de arredor de 1 km que, como engadido, será máis segura co novo firme.
O investimento total ascende a 73.743,46 euros dos que o Concello achega o 21% mentres que o 79% restante se sufragará cos fondos europeos do FEADER.











