San Sadurniño devolve a SOGAMA a factura do lixo de marzo
Galega do Medio Ambiente para que rectifique a factura do tratamento do lixo correspondente ao mes de marzo, na que xa se reflicte o incremento do importe do servizo nun 33% en concepto de canon. O Concello fundamenta a reclamación nunha cláusula do contrato asinado coa empresa semipública en 2004, onde se especifica que o prezo só poderá subir o que suba o IPC.
En base ao recollido no contrato, San Sadurniño estima que o custe do tratamento do lixo do mes de marzo debe ser de 4.222,66 euros, ive incluído, e non de 5.110,15 euros como aparece na factura emitida por SOGAMA. Case 900 euros de diferenza debidos ao sobreprezo aprobado pola Xunta. De feito, segundo os cálculos municipais e de acordo co contrato en vigor, o prezo tería que ser de 56,07 euros por tonelada máis o ive correspondente. Unha contía que SOGAMA elevou co canon aos 74,64 euros/tonelada.
“Son moitos cartos para un sistema de tratamento ficticio. Quéresenos cobrar por un servizo que non se presta, porque a maior parte do lixo quéimase ou sotérrase en vez de procesarse como é debido. Ademais tamén pretenden que asumamos as perdas dun modelo esgotado mentres a parte privada de SOGAMA mantén o seu nivel de ingresos”, manifestou Secundino García. O informe da Secretaría municipal vai na mesma liña, aínda que con outras palabras, sinalando que se trata “da imposición da vontade dunha das partes en contra dos lexítimos intereses da outra”, ao tempo que cuestiona a “a procedencia e axustamento á legalidade” de modificar por lei as relacións contractuais entre os concellos e unha sociedade anónima “cunha importante participación do capital privado”.
Deixando a un lado as cuestións de fondo, o certo é que San Sadurniño rexeitou en Xunta de Goberno Local pagar a factura de marzo. É máis, co aval do informe xurídico o executivo municipal decidiu devolver a factura e instar a SOGAMA a que emita unha nova “que cumpra co establecido no contrato suscrito entre ambas partes”. O órgano de goberno incluso aprobou xa a liquidación “que se considera procedente pola prestación do servizo no mes de marzo”, é dicir, 4.222,66 euros.
A resolución da alcaldía co informe da Secretaría-Intervención e a petición dunha nova factura envióuselle a SOGAMA con data deste martes 13 de maio. Haberá que agardar polo tanto a resposta da empresa pública. O goberno local non cre que vaia ser favorable aos intereses municipais e non descarta que este sexa o primeiro capítulo dun longo proceso. Con todo, o executivo de San Sadurniño ratifica a súa intención de “chegar ata o final nesta reclamación” e asegurou que se mantén o compromiso de non trasladar aos recibos dos veciños e veciñas o sobreprezo do tratamento do lixo.











