San Sadurniño aproba, nun pleno de 15 minutos, unha moción contra a modificación do mapa xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O pleno comezou puntualmente -ás 11.30h- coa aprobación da acta da sesión anterior, seguida da toma en coñecemento o estado de tramitación das facturas correspondentes ao primeiro trimestre do ano. Segundo o secretario municipal, o Concello está ao día dos pagamentos e San Sadurniño “cumpre coa lei” xa que as facturas se están pagando nun mes aproximadamente, a metade do prazo máximo establecido pola normativa contra a morosidade das administracións públicas.

O terceiro punto da orde do día ocupouse na ratificación e toma de razón de acordos e resolucións adoptados no seo do goberno desde o último pleno. Algúns dos máis reseñables foron o do acordo alcanzado coa SGAE para liquidar contías pendentes en concepto de dereitos de autor, unha pequena modificación do proxecto de construción da escola infantil que non lle afecta ao orzamento total e, por último, a información sobre o sorteo das mesas para as eleccións europeas celebrado o mércores pasado nunha Xunta de goberno local extraordinaria.

Estes puntos de trámite obtiveron o apoio unánime de BNG e PSOE. O mesmo que a moción nacionalista referida ao anteproxecto de lei orgánica do poder xudicial impulsado polo goberno estatal. Segundo os nacionalistas a lei provocará un “afastamento” da xustiza ao eliminar partidos xudiciais e, en consecuencia, a redución do actual mapa de xulgados. O Bloque solicita que se retire o anteproxecto de lei e que se lle transfira a Galicia a competencia para delimitar a súa planta xudicial e garantir así o mantemento de partidos xudiciais nas cidades e nos municipios cabeceira de comarca.

Nesta ocasión non houbo mocións pola vía de urxencia nin tampouco rogos. Si houbo preguntas. Fernando Márquez formulou dúas. O edil socialista interesouse polo estado das obras do aparcadoiro da igrexa de Santa Mariña do Monte e polas razóns de que os veciños e veciñas de varios lugares de Naraío deban ir votar a Igrexafeita.

Á primeira cuestión respostaron conxuntamente o alcalde e a edila de Obras, Amparo Calvo, quen explicaron que as obras en Santa Mariña aínda non remataron porque están pendentes de que Patrimonio autorice a pavimentación da zona. O alcalde lembrou, ademais, que esta obra se incluiu na programación municipal debido a que fora unha petición presentada polos propios veciños e veciñas da parroquia na xuntanza dos orzamentos participativos.

Sobre a segunda cuestión, Secundino García sinalou que o cambio de mesa electoral para os lugares da Fraga -Ferreira-, Vilarxá, As Nabeiras, As Cancelas e A Fraguela, en Naraío se debera a criterios de proximidade á mesa de Igrexafeita pero, sobre todo, á necesidade de que esta parroquia non perdese o seu local electoral por causa da baixada do censo.

3 de maio de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.