San Sadurniño abre o prazo de preinscrición nos campamentos da Deputación
San Sadurniño volve colaborar este ano na convocatoria de campamentos deportivos da Deputación da Coruña. Ao noso concello correspóndenlle tres prazas, que serán ocupadas por rapaces de entre 9 e 14 anos. As solicitudes poden presentarse no Concello ata o 19 de maio. Se hai máis peticións que prazas farase un sorteo ao día seguinte.
O campamento deportivo está programado do 6 ao 12 de xullo tomando como base operativa o centro Calvo Sotelo. Os rapaces e rapazas terán a oportunidade de realizar diferentes actividades, como o tenis, o volei, o fútbol, a batuca, a capoeira, deportes náuticos, multiaventura, ou a equitación, entre outros. Ademais farán diferentes visitas culturais guiadas a centros de interese cultural na comarca coruñesa. A rapazada participará tamén pasará unha noite en tendas de campaña e, como novidade, o inglés formará parte das actividades.
A preinscrición farase na oficina da Casa da Cultura de San Sadurniño. Se o número de peticións superase o número de prazas a adxudicación farase cun sorteo público previsto para as 12.30h. do martes 20 de maio tamén na Casa da Cultura.
Para optar ao campamento, os nenos e nenas teñen que estar empadroados en San Sadurniño e ter nacido entre os anos 2000 e 2004, ambos incluídos. O prazo de preinscrición remata o luns 19 de maio. O prezo do campamento é de 85 euros, que haberá que pagar unha vez que se confirme a praza. A documentación que haberá que presentar é a seguinte:
– A ficha de inscrición debidamente cuberta
– Unha foto tamaño carné
– A fotocopia do libro de familia ou carné de identidade
– Se se obtén praza, a copia de aboamento da cota de inscrición
– O volante de empadroamento
· No suposto de que o neno ou nena precise algún tratamento, deberá presentar tamén un xustificante médico no que se especifique, así como aquelas alerxias que sufra, xa sexan alimentarias ou de calquera outro tipo.
A incorporación ao campamento no colexio Calvo Sotelo -Rúa Archer Milton Huntington, 24. A Coruña- será o domingo 6 de xullo pola tarde por conta dos participantes e a saída o sábado seguinte despois do almorzo e da clausura.











