Roi Vidal presenta en Brión “Fóra de portas” no mesmo espazo que o seu pai Roberto Vidal Bolaño utilizaba para ensaiar

Presentación do libro “Fóra de portas”
“É o mesmo lugar, aínda que distinto momento. Recordo cando Roberto (Vidal Bolaño) ensaiaba con Teatro de Aquí neste mesmo espazo e máis ou menos a estas mesmas horas. Porque este ilustre dramaturgo foi o noso veciño e deixou unha gran pegada en Brión que xamais esvaecerá”. Con estas palabras do técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez, en representación do alcalde Xosé Luís García (que escusou a súa presenza pola morte dun familiar), comezaba a presentación do libro “Fóra de portas”, unha biografía de Roberto Vidal Bolaño escrita polo seu fillo Roi Vidal Ponte.
Un acto que congregou na sala de exposicións de Brión a máis de trinta veciños e veciñas durante máis de dúas horas. Un tempo no que Roi Vidal fixo fincapé en que o libro non é unha visión que un fillo ten do seu pai, senón que xurdiu durante unha estancia súa en Noruega e tras falar con distintos especialistas na obra de Roberto Vidal Bolaño. Unhas opinións que Roi Vidal recolle e ofrece ao lector a través de varios narradores relacionados con Vidal Bolaño: o seu nariz de pallaso, o seu chapeu, a Lúa, a catedral, o monte Pedroso e a furgoneta. Así mesmo, Roi Vidal explicou que o título do libro, “Fóra de portas”, é unha homenaxe ao labor desenvolto polo seu pai, que sempre estivo do lado dos máis desfavorecidos, dándolles voz nos seus distintos traballos.
Pola súa banda, Francisco Macías, de Edicións Positivas, asegurou que Vidal Bolaño “está entre os 5 mellores escritores en lingua galega do século XX, pero a súa obra estaba dispersa e inaccesible”. Como editor, explicou unha problemática cos textos de Bolaño: “El escribía para representar, non para ler. El facía as pausas pensando nos actores, non no lector nin na corrección gramatical”.
Con este acto, o Concello de Brión abriu o seu programa especial das Letras Galegas 2014, que inclúe unha trintena de actividades, e pecha tamén os actos organizados na honra de Roberto Vidal Bolaño, veciño de Brión ao que estivo dedicado o Día das Letras Galegas de 2013, e que se prolongaron durante todo o ano pasado.











