Rogelio Martínez recibe aos enfermos de párkinson que participan na peregrinaxe ‘Que tiemble el Camino’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Rogelio Martínez cos participantes no programa 'Que tiemble el camino'

Rogelio Martínez cos participantes no programa ‘Que tiemble el camino’

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, participou esta mañá no acto oficial da saída da peregrinaxe protagonizada por 13 enfermos de párkinson, dentro do proxecto “Que tiemble el Camino”. A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e mais da Consellería de Sanidade colabora coa Asociación Párkinson Valencia nesta iniciativa.

O proxecto foi impulsado pola Asociación Párkinson Valencia, xunto coas asociacións de Albacete e Tenerife. ‘“Que tiemble el Camino” ten por obxectivo dar a coñecer e sensibilizar á poboación sobre esta doenza, ademais de amosar tamén o labor que se realiza dende estas entidades para superar e mellorar na enfermidade.

O delegado territorial animou aos participantes a gozar da experiencia única de peregrinar polo Camiño de Santiago, que constitúe un exemplo á hora de compartir o esforzo. “Non importa se padecemos ou non algunha enfermidade, o Camiño é un lugar no que todos nos necesitamos uns a outros para camiñar e todos nos igualamos fronte á ruta”, afirmou Martínez. Ademais, o máximo representante do Executivo galego en Ourense destacou a celebración ata mediados de 2015 en Galicia da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, e incidiu na figura do santo de Asís en relación á fraternidade que caracteriza á experiencia de ser peregrino a Santiago.

O web documental ‘Que tiemble el Camino’ busca dar visibilidade ás persoas con párkinson mediante unha campaña de sensibilización cidadá, onde a través da web se poderá seguir a evolución e a historia de cada un dos participantes.

Dende hoxe e ata o vindeiro domingo, 1 de xuño, 13 afectados percorrerán a Ruta Xacobea entre Ourense e Compostela e completarán os 108 quilómetros en seis etapas. Para isto, adestráronse durante meses. A iniciativa supón para eles un logro persoal e unha superación. Os participantes no proxecto proceden de Valencia, Tenerife, Albacete, e Barcelona.

27 de maio de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.