Robótica, innovación téxtil e mercadotecnia online nos talleres da Rede de Innovación de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

O calendario de actividades da Rede de Innovación de Arteixo para a próxima semana comezan o luns 19 cun taller sobre as posibilidades que ofrece a automatización de procesos produtivos para as industrias de Arteixo, sector ao que vai dirixido, en horario de 10.30 a 12.00 horas. O título da actividade é “Aplicacións da robótica industrial. Novas tendencias na mellora de procesos” e o relator invitado para impartir esta actividade é Óscar Rodríguez, director comercial de FANUC Robotics. A empresa xaponesa, con varias delegacións na Península incluída Galicia, ten actualmente no mercado español 11.000 robots industriais e traballa coas principais compañías alimentarias, farmacéuticas ou electrónicas como Apple.

O xoves 22 haberá dúas actividades en horario de tarde. A primeira, de 18.00 a 20.00 horas, estará dirixida polo secretario xeral do Clúster Galego Téxtil Moda, Alberto Rocha. Este taller, destinado a profesionais do sector téxtil e confección, desenvolverase baixo o título “Ampliando as actividades da empresa téxtil. Estratexias de innovación e internacionalización”, abordando temas como os focos de innovación máis actuais, novos modelos de negocio, claves para mellorar as taxas de exportación, así como oportunidades en mercados emerxentes.

A continuación, de 20.20 a 22.00 horas, a social media manager (xestora de comunidades virtuais), Verónica Ramallal, impartirá o taller de mercadotecnia online “Internetízate! Saca o teu negocio ás redes sociais e déixache ver” dirixido ao sector do comercio de Arteixo. Esta sesión de carácter práctico centrarase en explicar as vantaxes que ofrecen os novos medios para comunicarse e informar os clientes reais e potenciais sobre as novidades dun negocio. Ademais de explicar aos asistentes as ferramentas para manexar a súa presenza na rede de forma eficaz, tamén se abordarán casos de mala e boa reputación online, así como a necesidade de coidala.

A última cita será o venres 23, de 16.30 a 20.00 horas. Laura García, directora da Unidade de Emprego e Formación da Fundación Universidade da Coruña, conducirá o taller experimental “Innovar en tempos de crises: a nova moda”. O argumento do mesmo, no que se pedirá a opinión dos asistentes, virará ao redor da nova tendencia social do emprendimiento. Algunhas das cuestións que se exporán no foro serán as competencias e calidades do bo emprendedor ou as claves para o emprendimiento con éxito e o espazo real para novos negocios. Esta actividade enmárcase nas itinerario ferramentas e solucións tecnolóxicas, pensado para o aproveitamento de todos os perfís profesionais e do público en xeral.

As inscricións para asistir aos catro talleres poden realizarse no correo electrónico RedInnovacion_Arteixo@eoi.es, no teléfono 981 641 095 ou nos respectivos formularios online da web da Rede de Innovación de Arteixo, accesibles desde a sección Axenda http://www.eoi.es/fdi/arteixo/axenda.

Servizos gratuítos para pemes e emprendedores

A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de apoio a emprendedores e empresas promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Con este fin está a desenvolverse un programa de consultorías personalizadas para 80 empresas e un completo calendario de actividades en aberto para fomentar a cultura innovadora e o desenvolvemento de novas ideas entre os profesionais de Arteixo para xerar maior riqueza no municipio. O prazo para solicitar as asesorías da Rede de Innovación finaliza o 31 de maio, dentro de dúas semanas.
Toda a información sobre a RdI está dispoñible no site www.eoi.es/fdi/arteixo e nas redes sociais Facebook, Twitter e Linkedin.

16 de maio de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.