Rey Varela recibe os equipos cadete e infantil do club de remo A Cabana

Rey Varela xunto ao Club de Remo A Cabana
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, felicitou hoxe ao Club de Remo A Cabana polos excelentes resultados obtidos no Campionato de España de Bateis celebrado o pasado mes de abril na localidade cántabra de Camargo, onde o equipo cadete se proclamou campión e o infantil fíxose co terceiro posto. “Tendes superadas todas as expectativas”, díxolle aos remeiros o primeiro edil da cidade no transcurso dunha recepción oficial celebrada no Pazo Municipal e na que tamén participou a concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós.
Ademais de felicitar aos compoñentes do Club de Remo A Cabana, Rey Varela anunciou unha próxima actuación de mellora das instalacións de remo municipais, así como do entorno da Cabana. Unhas intervencións que se unen a entrada en servizo da planta do sistema de depuración de augas residuais construída na Cabana, o que suporá o inicio da rexeneración ambiental da ría de Ferrol e, con ela, o seu valor para a práctica de deportes náuticos.
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Deportes, mantén un convenio de colaboración co Club de Remo A Cabana, cuxa contía para a presente tempada se vén de renovar por un montante de 26.000 euros. Unha cantidade que permite a devandita entidade deportiva continuar coa organización da Bandeira Cidade de Ferrol, que reúne na nosa ría a elite do remo de Galicia, e participar nas competicións oficiais.











