Rey Varela e a entidade veciñal de Serantes comproban o resultado das obras de urbanización

O alcalde de Ferrol na visita ás obras en Serantes
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; comprobou hoxe con membros da Asociación de Veciños de Serantes as viviendas sindicais deste barrio onde veñen de rematarse os traballos de urbanización deste entorno coa construción de beirrarúas. O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez; así como o edil de Zona Rural, Jesús Polo Veiga, tamén participaron nesta visita.
A intervención nas vivendas de Serantes incluíu, ademais da construción de beirarrúas, a pavimentación das rúas A, B e C; así como a reparación dos viarios D e F. O investimento ascendeu a 115.000 euros e se cumpriu o prazo de execución das obras fixado en catro meses, posto que se iniciaron o pasado día 3 de febreiro coa firma da acta de reformulo. O remate da urbanización deste entorno era unha prioridade para a entidade veciñal de Serantes. O Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey comprometeuse a solucionar o estado en que se atopaba a urbanización despois de que este proxecto quedara paralizado durante dous anos no mandato anterior. Ao respecto Jose Manuel Rey sinalou que “hoxe os veciños destas vivendas teñen as beirarrúas que se merecen”. E, ao fío disto engadiu que “a pesar de ser o peor momento económico para as Administracións debido á redución dos orzamentos públicos, estamos conseguindo solucionar problemas que veñen de lonxe como o caso do remate da pavimentación e dotación de beirrarúas nestas vivendas de Serantes, porque os veciños teñen dereito a que os seus impostos se invistan en mellorar o lugar onde viven”.
O presidente da Asociación de Veciños de Serantes, Luis Casas, lembrou que esta intervención era unha prioridade para os 300 veciños que residen nos 118 inmobles das vivendas sindicais. A mellora desta barriada súmase a outras actuacións levadas a cabo polo Executivo de Jose Manuel Rey neste barrio, como a remodelación do campo de fútbol ou o asfaltado da rúa Fernando Fernández Bastida –máis coñecida como estrada da Feira do Dous-. Ademáis, a próxima intervención en Serantes afectará a avenida 19 de febreiro coa mellora da seguridade viaria nun tramo da mesma. Esta é outra demanda histórica da veciñanza de Serantes, que se remonta a finais da década dos anos 90 do século pasado, e que agora se poderá executar tras o acordo alcanzado entre a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol para desbloquear o proxecto e avanzar na expropiación de terreos.











