Reunión da Mesa para a atención ás vítimas da violencia de xénero en Verín
O salón de actos da Casa da Cultura de Verín acolleu unha nova reunión da Mesa da para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero, na que participaron representantes da Subdelegación do Goberno, Servizos Sociais de Verín e da Mancomunidade, institutos, forzas e corpos de seguridade, CIM e xustiza.
Durante a mesma, realizouse un balance e análise dos casos de violencia de xénero do que vai do ano 2014, ordes de afastamento e protección, así como as medidas para seguir actuando na prevención e atención, destacando o recurso a solicitar no xulgado de dispositivos electrónicos de control en condenados. Ademais, concretouse a realización dunhas xornadas, no mes de xuño, destinadas a técnicos/as da administración de educación, servizos sociais, saúde e xustiza sobre menores que actúan de forma violenta, normalizan actitudes violentas ou tamén sofren violencia.
A mesa para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero busca mellorar a atención e conseguir a súa adaptación ás necesidades reais das mulleres vítimas de violencia, desenvolver unha actuación integral e multidisciplinar eficaz de modo conxunto e coordinado, garantir os dereitos e liberdades da cidadanía, eliminar a vitimización secundaria; garantir que desde os servizos sociais, sanitarios, policiais e operadores xurídicos se transmita información responsable e unificada ás mulleres afectadas por unha situación de maltrato, optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar duplicidades, promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e de detección precoz de situacións de violencia na familia, sensibilizar e potenciar a formación continua dos profesionais que reciben demandas de atención a vítimas de violencia e incrementar o nivel de confianza das vítimas no sistema.











