Retirado e fumigado con éxito o enxame de abellas no CEIP A Rabadeira
O Concello de Oleiros informa de que a retirada do enxame de abellas no CEIP A Rabadeira e a posterior fumigación do centro concluíronse con éxito. Esta madrugada, algo despois das 0.00 horas procedíase á retirada do enxame por parte de persoal cualificado, despois de que os operarios de Servizos Municipais retirasen os paneis que cobren o acceso á cámara de persianas, onde se atopaba o enxame. Inmediatamente despois da retirada comezaron os traballos de fumigación, que estiveron supervisados en todo momento polo responsable político da área de Sanidade, Ignacio Crespo.
Esta tarde ás 16.00 horas, tras as 12.00 horas necesarias de espera para que os axentes fumigadores realizasen o seu traballo, procederase a limpar o centro e pechar novamente os paneis das persianas. Concluídos estes traballos, está previsto que mañá continúe a actividade docente con total normalidade.