Refórzase a seguridade viaria no porto de Vilaxoán con actuacións por valor de 266.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Portos de Galicia está a executar unha actuación de reforzo da seguridade viaria no porto de Vilaxoán, no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. O presidente do ente público, José Juan Durán, visitou esta mañá as obras, nas que o seu departamento está a investir 266.000 euros.

Os traballos consisten na reposición de beirarrúas e 5 pasos de peóns e na substitución da varanda existente por outra de formigón ao longo da zona que separa o porto e a praia de Preguntoiro, que vén de recibir a Bandeira Azul. Trátase dunha varanda prefabricada de formigón formada por unhas pilastras de fuste formigón armado de 1,2 m de altura e unha tapa embelecedora de formigón prefabricado. Tanto o pasamáns coma o rodapé tamén están realizados en formigón e toda a varanda enlucirase e pintará para obter un rematado branco e liso de longa duración.

Na traza da varanda, encóntranse instaladas as luminarias do paseo. Debido a iso, formúlanse dúas solucións nos distintos tramos. Na zona na que a cota de area ten pouco desnivel en relación ao paseo, os farois permanecerán na súa situación e intercalaranse bancos de granito, mentres que no resto desprazaranse as luminarias á parte interior da beirarrúa, deixando os farois nas zonas con anchura abondo, isto é, naquelas nas que non hai aparcadoiros.

Portos de Galicia estima, que de non producirse imprevistos no prazo de execución de obra restante, os traballos no entorno das zonas de praia poidan estar rematados de cara ao vindeiro mes de agosto.

30 de maio de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.