Recitado do poemario “O sentir dos adentros” na Biblioteca de Verín
Na xornada de mañá 15 de maio, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá a partir das 19.30 horas unha sesión de recitado do poemario “O sentir dos adentros”, de Eduardo Atanes Álvarez.
Esta iniciativa está enmarcada dentro da semana cultural organizada polo Concello de Verín para conmemorar a efeméride das Letras Galegas, que están adicadas este ano a Xosé María Díaz Castro-. Ao longo da mesma o autor, ademais de recitar algúns dos seus poemas, faltará desta súa obra máis recente, que se atopa publicada na editorial madrileña Liber Factory e recolle en 88 páxinas 78 poemas.
Eduardo Atanes Álvarez publicou o seu primeiro libro, “Poemas dunha alma, dunha vida e dun corazón”, como edición de autor, en maio do ano 2012. Un texto intimista do que vendeu a edición completa, conformada por 350 exemplares, mediante o boca a boca.
Este mozo sufriu unha lesión medular hai 24 anos, nun mergullo desafortunado na praia viguesa de Samil. O accidente levouno, cando tiña 18 anos recen cumpridos, a ter que vivir nunha cadeira de rodas, truncándose as aspiracións dun mozo independente e deportista. Hai agora catro anos, a morte de seu pai foi o revulsivo que o levou a práctica diaria da creación escrita. Os versos de Eduardo Atanes transmiten os sentimentos dunha persoa que se define como autodidacta no ámbito literario e que busca a felicidade dentro das súas limitacións físicas.











