Rafael Louzán inspecciona a construción dun edificio no campo de fútbol de Vilaxoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, e diversos técnicos, visitou hoxe as obras de construción do vestiario e outras dependencias no campo de fútbol de Vilaxoán que acomete a institución provincial e que están practicamente rematadas.

Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Abilleira pola cantidade de 74.978 euros. Consistiron no levantamento dunha edificación de planta baixa, complementaria da existente, para albergar outro módulo de vestiarios e dependencias auxiliares ó servizo do San Martín C.F., o club que xoga neste campo.

O novo edificio está composto por dous vestiarios con duchas e aseos para os equipos, un vestiario para os árbitros, aseos para o público e un local para almacén xeral. En total, a superficie construída foi de 182 m2.

A instalación está situada detrás do graderío, adosada ó muro que pecha o recinto polo oeste. A parcela é practicamente rectangular e, na actualidade, conta cunha orografía plana por sufrir o proceso de explanación correspondente cando se construiu o campo de fútbol.

Na súa visita, a directiva do Club San Martín de Vilaxoán plantexou a Louzán melloras complementarias como a construción de novas oficinas e dunha grada. O presidente considerounas “moi razoables” e en breve acometeraas tendo en conta que o campo foi inaugurado en 1986 e conta con determinadas dependencias en estado obsoleto.

Louzán lembrou que este era un compromiso dunha demanda histórica de Vilaxoán agora cumprida.

Pola súa banda, Tomás Fole fixo fincapé en que a obra pertencía ó PID do ano 2012 e manifestou a súa gratitude á Deputación “pois sen a súa intervención, o Concello, que daquela estaba ó borde da quebra, non podería dar resposta as demandas veciñais e, sobre todo a obras prioritarias da zona rural, como se está a facer”.

2 de maio de 2014 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.