Quevedo reencarnarase en Moncho Borrajo nunha actuación en Vilagarcía que lle sacará as cores con enxeño e humor
Despois do éxito da súa primeira actuación en Vilagarcía co espectáculo “Golfus Hispánicus” hai dous anos, Moncho Borrajo regresa ao Auditorio Municipal para volver a sacarlle punta á actualidade social e política do noso país con “Yo, Quevedo”. Nesta nova montaxe, o humorista ourensá déixase posuír polo xenial Francisco de Quevedo para, como el, darlle voz ao pobo utilizando o verso áxil, a crítica mordaz e mesmo o humor escatolóxico que caracterizaba os versos cos que o escritor da Corte de Felipe IV analizaba a realidade da España da época e que lle dedicaba aos seus inimigos máis íntimos.
Borrajo subirase o domingo, 1 de xuño, ao escenario do Auditorio ataviado con capa, pluma e espada, tal como facía Quevedo, para darlle un repaso a políticos, famosos e a temas de candente actualidade utilizando un binomio explosivo, o seu inconfundible e directo estilo co fluído e xocoso verbo dun dos máis salientables autores do Século de Ouro.
En “Yo, Quevedo” o humorista ourensá realiza un paralelismo entre a situación que vivía a decadente España do século XVII coa época actual, dadas as similitudes que se rexistran. O propio Borrajo lembra que o manifesto dedicado por Quevedo a Felipe IV e ao Conde Duque de Olivares, pode perfectamente aplicarse a Juan Carlos I e Rajoy ou Zapatero. Neste espectáculo, Moncho Borrajo alterna a súa propia personalidade coa do personaxe de Quevedo pata que humorista e literato asuman a voz do pobo.
Nunha loucura de versos de antes e de agora, Borrajo ou Quevedo conversa con diferentes personaxes que van pasando polo escenario, xa sexa unha enfermeira, un monxe, unha cortesana ou un parado. Deste xeito o público poderá gozar da escatoloxía máis “quevediana” e do enxeño da improvisación ao máis puro estilo do século de ouro español.
Nesta nova produción teatral, Borrajo rodeouse de grandes profesionais, xa que conta coa colaboración especial da actriz Lucía Bravo e do imitador Carlos Latre que lle pon voces a moitos personaxes da actualidade.
As entradas para asistir a función de “Yo, Quevedo” deste domingo pódense adquirir de xeito anticipado a través de www.servinova.com e do teléfono 902 504 500. tamén o día do espectáculo a partir das 18:00 horas na billeteira do Auditorio. Os prezos son de 14 euros na zona A, 12 na B e 10 na C. O espectáculo comeza ás 20:00 horas.











