Programación especial en Oleiros para conmemorar o Día das Letras Galegas
Dentro do amplo programa que as oito Bibliotecas Municipais de Oleiros dedican ao Día das Letras Galegas 2014, que este ano ten como protagonista ao poeta Xosé María Díaz Castro, poderedes ver a exposición “Os mellores libros da literatura galega” en todas as bibliotecas do Concello. Trátase dunha escolma que vai desde os primeiros expoñentes da lírica medieval, cantigas de amor, de amigo, etc. ata a literatura máis actual. Evidentemente teñen presenza todas as autoras/es que son xa “clásicos” da nosa literatura: Rosalía, Castelao, Curros, Pondal, Otero Pedrayo, e un longo etcétera. A poesía, o teatro e a narrativa están representados nesta escolla así como varias obras ensaísticas.
Así mesmo, levaranse a cabo numerosas actividades nas diferentes Bibliotecas Municipais de Oleiros como por exemplo: OBRADOIROS INFANTÍS DE POESÍA a cargo da poeta Yolanda Castaño, OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA a cargo do ilustrador Manel Cráneo, OBRADOIROS DE ILUSTRACIÓN a cargo do ilustrador Óscar Villán (Premio Nacional de Ilustración), Contacontos “PRÍNCIPAS E PRINCESOS” a cargo do actor Pablísimo, “VIAXE A PARÍS”, a cargo da Compañía Trinke Trinke, outros con Soledad Felloza, a compañía Pavís Pavós, Paula Carballeira ou Pedro Brandariz.
Ademais o día 19 de maio, a partir das 9 horas levarase a cabo o ROTEIRO CULTURAL E LITERARIO para alumnado do Instituto Mª Casares e do Colexio Luis Seoane de Mera que consistirá nun recorrido por distintos lugares do municipio nos que viviron diferentes mulleres e homes ilustres, como unha homenaxe a todos eles. Comezamos en Dorneda, no antigo Pazo de Xaz, co ilustrado liberal e xornalista Manuel Pardo de Andrade, trasladámonos a Montrove onde naceu a insigne matemática María Wonenburger, posteriormente desprazámonos a Oleiros onde traballou o escritor Manuel Lugrís Freire. Actividade organizada entre as Bibliotecas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores. Desde o Concello de Oleiros invitamos a todas persoas a que visiten as bibliotecas de Oleiros e a que participen nas actividades.











