Preto de 3.000 escolares asistirán á XXV Exposición de Literatura Infantil de Ourense
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Educación, Ana Garrido, acompañaron esta mañá aos alumnos e alumnas do CEIP As Mercedes, no inicio da XXV Exposición de Literatura Infantil, no marco da campaña de animación á lectura do Concello de Ourense, instalada no Museo Municipal, que se convirte nun espazo lúdico de encontro cos libros.
Durante todo o mes de maio, nenos e nenas dos Centros Educativos da cidade en idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos poderán visitar a exposición onde compartirán unha actividade que parte da lectura e retorna a ela, a través dos libros, na que participarán máis de 2.800 nenos e nenas de diferentes centros de ensino da cidade.
Levaranse a cabo tres sesións matinais dirixidas a centros escolares e abriráse ao público de martes a venres de 18.30 h a 20 h e os sábados de 11.30 h a 13 h.
O tema globalizador da Campaña deste curso son “os cómics”: ás veces os habitantes dos cómics son superheroes e superheroínas que salvan dos perigos á cidadanía que pasean tranquilamente pólas rúas ou as persoas importantes que toman grandes decisións ou a países en perigos inminentes.. e ás veces teñen que salvar ao mundo enteiro.
Primeiro visitarán o estudio do escritor de cómics ou….será un ilustrador? Como é a estrutura do cómic? Onde se escriben os textos? Que é a elipse narrativa? Ou como se debuxan as liñas cinéticas? son preguntas para facerse en grupo e contestarse consultando nos propios cómics e que deberán responder os mesmos nenos e nenas.
Despois terán a posibilidade de dar vida a distintos personaxes, xogando detrás dunha gran pantalla, que proxectará as súas sombras. E tamén poderán ser partícipes do guión da historia, decidindo cal é o perigo que acecha a “cidade de cartón” .
Distintas viñetas xigantes realizadas por María Puertas ilustran as paredes do Museo Municipal para reproducir aventuras de gánster ou de xoguetes que queren ser protagonistas e de guerreiros que rematan por aburrirse de loitar e prefiren acabar rindo co inimigo.
Tamén están expostos traballos que realizaron os alumnos e alumnas durante o curso escolar nas distintas actividades realizadas pola Concellería de Educación no marco do programa de Animación á Lectura.











