Preto de 150 taekwondistas galegos participarán no Open de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A selección galega participará esta fin de semana (16, 17 e 18 de maio) no Open de España de combate e de técnica, que se celebrará en Castellón con uns 1.500 participantes en todas as categorías (cadete, júnior e sénior). Ademais das e dos deportistas que conforman a selección galega, os clubs galegos tamén levan a taekwondistas que non puideron entrar na selección, polo que ao final en Castellón estarán case 150 deportistas galegos. Este Open está recoñecido pola Federación Mundial como proba da categoría G1, polo que outorga puntos para o ranking mundial e haberá medallistas mundiais entre os participantes.

Serán tres días moi intensos, con competicións dende primeira hora da mañá para dar cabida aos 1.500 participantes. O venres 16 de maio celebrarase o Open da modalidade de técnica, cun total de 286 inscritos. A Federación Galega de Taekwondo desprazou (viaxou onte mércores por estrada) a un equipo formado por 31 deportistas e dous técnicos.

O sábado 17 de maio será a quenda para os cadetes e júnior de combate, mentres que o domingo 18 competirán os sénior. Na especialidade de combate hai 1.129 inscritos en total, dos cales máis de cen serán galegos. Galicia presenta unha selección moi competitiva, aínda que o nivel que se atoparán en Castellón fará que sexa moi complexo acadar unha medalla. O pasado ano, Katia Calvar sorprendeu a todos cun torneo espectacular no que acadou a medalla de ouro, mentres que Lara Ouviña foi bronce.

Nas categorías inferiores, en 2013 houbo tres medallas para os cadetes (Miguel Orro, Ainoa Boubeta e Pilar Rodríguez foron bronce) e 5 para os xúniors (Xián Silva foi prata, e catro bronces para Ruth Tilve, Miriam García, Sabela López e Miguel Cobas). Ademais, hai que destacar a medalla de bronce do cadete Gabriel Tembrás na modalidade de técnica.

15 de maio de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.