Preséntase o III Plan de Igualdade de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
O alcalde de Ponte Caldelas na presentación do III Plan de Igualdade

O alcalde de Ponte Caldelas na presentación do III Plan de Igualdade

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, a concelleira de Igualdade, Martina Freire e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Paula Casal Canabal presentaron ante os medios de comunicación o III Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal entre Mulleres e Homes (PIOM) que levará, para a súa aprobación, ao Pleno que a Corporación celebrará o vindeiro xoves.

Este III Plan, destinado a dar continuidade ás políticas de igualdade desenvolvidas polo Concello de Ponte Caldelas desde o ano 2005, data de comezo do PIOM, contempla catro áreas de actuación con obxectivos centrados na educación e valores igualitarios entre os mozos; mercado laboral e usos do tempo; participación social e empoderamento e prevención e erradicación da violencia de xénero.

O novo Plan resulta máis esquemático que os seus precedentes debido á experiencia acumulada e á necesidade de afrontar esta cuestión desde un punto de vista de transversalidade de xénero en todas as áreas municipais. Así, do anterior Plan suprímense as áreas de Cultura e Lecer e do Rural, o cal non significa que se vaian a prescindir destes obxectivos senón que pola propia natureza do municipio, eminentemente rural, esta temática pasará a integrarse dunha maneira transversal en todas as accións a desenvolver.

Tamén sofre modificación a área de Saúde Integral e Benestar que pasa agora no novo Plan a estar integrada na denominada de Participación e Empoderamento. Así, a nova estrutura responde o obxectivo de conseguir cohesionar e garantir unha maior efectividade e operatividade na consecución da igualdade.

MAIOR TRABALLO ENTRE OS MOZOS A TRAVÉS DOS CENTROS ESCOLARES DO MUNICIPIO

Un dos obxectivos do III Plan de Igualdade baséase nos labores de prevención e loita contra comportamentos sexistas e machistas. Así, as encargadas de redactar este proxecto centran parte da súa actuación nos centros escolares do municipio, tanto os colexios de ensino infantil e primario como o propio Instituto de Ponte Caldelas.

A experiencia acumulada destes anos a través da presenza continuada con charlas, cursos e talleres sobre saúde sexual, loita contra a discriminación sexista e a erradicación de comportamentos e roles machistas serviu para favorecer unha maior conciencia entre os mozos sobre esta cuestión aínda que, recoñecen, que a aparición das novas tecnoloxías da comunicación e as redes sociais precisan dun tratamento específico para combater comportamentos de acoso que, por desgraza, danse entre estudantes adolescentes aproveitando a existencia destas novas ferramentas postas á súa disposición.

Isto motivou que dentro deste III Plan de Igualdade estea previsto que se aborden grupos de traballo relacionados coas novas tecnoloxías, internet, redes sociais, etc. e como se exerce control, acoso e violencia a través destes elementos co fin de previlos e erradicalos.

MÁXIMA ALERTA E ATENCIÓN AOS CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Por outra banda, o alcalde de Ponte Caldelas e a concelleira de Igualdade insistiron na importancia da Comisión para a Atención Integral das Vítimas da Violencia de Xénero que se reúne periodicamente unhas dúas veces ao ano para analizar a situación no municipio e no que participan representantes da administración local, o propio CIM de Ponte Caldelas, asociacións de mulleres, a Subdelegación do Goberno a través da Garda Civil, etc.

Perfecto Rodríguez lembrou neste sentido que desde o Concello e o propio CIM mantéñense alerta ante a sospeita ou posibilidade de que se poida producir algún caso de violencia de xénero, mesmo en contacto directo co Centro de Saúde, co fin de atender desde o minuto cero a calquera vítima desta índole poñendo á súa disposición asistencia xurídica e psicolóxica gratuíta, así como todos os mecanismos dos que dispón o Concello para prestar a axuda necesaria como os programas desenvolvidos polos propios Servizos Sociais do Concello e que en moitos casos as afectadas descoñecen.

O CIM DE PONTE CALDELAS ATENDEU MÁIS DE 700 CONSULTAS NO 2013

Respecto ao número de consultas atendidas no CIM de Ponte Caldelas, sinalar que o ano 2013 pechouse con máis de 700 das cales o 51% correspondéronse á área xurídica. Dentro deste ámbito, o 33%, centrouse nas materias de dereito de familia (separación e divorcio, unións de feito ou execución de sentenzas, entre outras). As consultas en materia de seguridade social, dereito penal e xustiza gratuíta representaron un 7%, 11 % e un 12%, respectivamente. A área de atención psicolóxica ocupou tamén unha parte importante das demandas expostas polas usuarias (o 45%) constituíndo os problemas familiares, de parella e de violencia de xénero o groso da atención prestada.

19 de maio de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.