Preséntase en Ferrol a fase final do campionato nacional de seleccións autonómicas de fútbol sub-16

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+
Presentación do campionato

Presentación do campionato

O Salón de Recepcións do Concello de Ferrol acolleu este mediodía a presentación do V Campionato Nacional de Seleccións Autonómicas de Fútbol Sub-16, que se celebrará no complexo polideportivo Javier Gómez Noya, en Caranza entre os vindeiros días 23 e 25 do presente mes de maio. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, participaron no acto que tamén contou coa presenza da concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós; do delegado en Ferrol da Federación Galega de Fútbol, Manuel Mesa García; e do representante de Movistar, patrocinador privado do evento.

Na súa intervención, o rexedor municipal destacou a importancia deste tipo de eventos para o fomento do deporte base e promover entre a xuventude os valores do esforzo e o traballo. Así mesmo, sinalou que en Ferrol hai unha gran tradición deportiva e lembrou que dende a Concellería de Deportes se organizan e patrocinan anualmente máis dun centenar de eventos, ademais de apoiar a numerosos clubs e entidades da cidade. Así mesmo, Rey Varela deu a benvida aos centenar de persoas que entre deportistas e persoal técnico estará o vindeiro fin de semana en Ferrol con motivo deste campionato nacional; e que se aloxarán todos eles en hoteis do municipio. “Teremos un fin de semana moi futbolero, ao coincidir este campionato de seleccións co partido polo ascenso do Racing e tamén a final de Lisboa”, dixo Rey Varela quen desexoulle sorte a todas as seleccións e ao conxunto racinguista no seu compromiso do vindeiro sábado na Malata fronte ao Nástic de Tarragona.

No campo de fútbol de Caranza daranse cita para este Campionato de Seleccións Autonómicas Sub-16 os combinados de Andalucía, Cataluña, Estremadura e Galicia. O venres 23 disputaranse as semifinais. A primeira delas será as 17.00 horas e enfrontará a Andalucía e Cataluña; e as 19.00 horas comezará a segunda semifinal entre Galicia e Estremadura. O domingo 25 ás 12.00 horas celebrarase a gran final.

20 de maio de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.