Preséntase en Cedeira o novo grupo de teatro local
O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 24 de maio, a presentación do grupo de teatro local “Teatro da Vila”. Un acto que dará comezo a partires das sete e media do serán e no que a nova compañía representará a obra “Cóncavo Convexo”, baseada nun texto do naronés José L. Prieto. A función xira en torno á fina liña que separa o real e o irreal, da posibilidade ou imposibilidade de diferencialo ou das bondades da imaxinación. O prezo das entradas é de 2,5 euros.
O grupo “Teatro da Vila” xurde da inquietude dun grupo de adultos de Cedeira polo teatro. Forman parte inicialmente, na súa maioría, do grupo de teatro “Valverde” de Cedeira, e logo duns anos e con varios montaxes ás súas espaldas, deciden separarse deste grupo abrindo o abano de posibilidades de ver teatro feito por xente da vila. Empezan cun obradoiro de voz e interpretación, e froito do traballo neste curso xurde a idea de levar a cabo unha montaxe teatral.
A elección do texto “Cóncavo Convexo” é do director da peza, Quique Vázquez, polas súas posibilidades, e dificultades, á hora de construír as personaxes, e con dous obxectivos claros, traballo e diversión. Forman o elenco Mercedes Díaz, Josefa Nebril, Fini Nebril, Belarmino Cheda, Elvira Díaz e Estrella Leonardo.











