Preséntase a ruta de sendeirismo Camiños de Caión
O roteiro denominado Camiños de Caión foi presentado na tarde deste mércores na oficina de información turística da localidade costeira, situada no edificio da antiga casa reitoral, que tamén alberga o centro social da terceira idade. A iniciativa parte da Asociación Ambiental Senda Nova e contou coa colaboración do Concello da Laracha.
O percorrido foi deseñado por Evaristo Domínguez, que para a súa elaboración contou con datos históricos e información achegada polo propio Concello da Laracha, o Instituto de Estudos Bergantiñáns e a veciñanza caionesa en xeral.
No acto deste mércores, e xunto ao alcalde da Laracha –José Manuel López Varela- e ao presidente da A.A. Senda Nova –José Manuel Menéndez-, o propio Evaristo Domínguez foi o encargado de explicar todos os detalles do roteiro á vintena de persoas presentes, a maioría delas representantes das diferentes asociacións e clubs deportivos de Caión.
O itinerario ten unha distancia total de quince quilómetros e é de dificultade media. Comeza na praza Eduardo Vila Fano (que alberga a igrexa da Nosa Señora do Socorro e o pazo dos Condes de Graxal) e percorre a práctica totalidade do litoral da parroquia, tanto cara o linde co municipio de Carballo como co de Arteixo, propoñendo visitar elementos do patrimonio histórico municipal como a ermida dos Milagres e disfrutar da riqueza natural e paisaxística, por exemplo, coa furna furada, a praia fósil de Leira e o castro da Costenla.
Polas súas características, recoméndase a realización do roteiro soamente con visita guiada. A primeira delas será este domingo (1 de xuño) pola mañá, unha proposta incluída no programa V Primavera en ruta. A inscrición para poder participar debe formalizarse previamente no Concello da Laracha, no Concello de Coristanco, na Base de Protección Civil de Carballo ou no Horto Ecolóxico desta mesma localidade (rúa Nardos).
A saída dos autobuses rumbo a Caión será o domingo ás 9.00 horas desde Coristanco, ás 9.15 desde o Horto Ecolóxico de Carballo e ás 9.30 desde A Laracha.