Povisa patrocina á paratriatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio
O conselleiro delegado de Povisa, José Bernardo Silveira, e a paratriatlela viguesa Susana Rodríguez Gacio, rubricaron hoxe ante os medios de comunicación un acordo de patrocinio polo que o hospital apoiará á deportista na súa carreira cara ao Campionato do Mundo de Paratriatlón, que se celebrará o próximo 29 de agosto en Edmonton (Canadá).
En palabras do conselleiro delegado do hospital, “o que logrou Susana ten moitísimo mérito. É todo un exemplo de tenacidade e de esforzo para superar as barreiras físicas provocadas pola súa discapacidade”, o albinismo, unha condición xenética hereditaria que afecta en España a 1 de cada 17.000 persoas. O albinismo reduce a capacidade visual a menos dun 10% en relación a unha persoa sen problemas oftalmológicos, e obriga, por mor da falta de pigmentación na pel e o pelo, a observar un estrito coidado para protexer todo o corpo da radiación solar.
A pesar destas dificultades, Susana logrou a medalla de prata no Campionato do Mundo de Paratriatlón celebrado o pasado ano en Londres e a medalla de bronce no Campionato de Europa. Foi campioa do mundo de dúatlon en dúas ocasións (2011 e 2012) e o seu éxito máis recente obtívoo este pasado domingo ao gañar o World Paratriatlón Event celebrado na cidade xaponesa de Yokohama.
O obxecto deportivo deste ano para Susana –que estudou Fisioterapia e cursa actualmente 5º de Mediciña- é gañar o Campionato do Mundo que se celebrará o próximo 29 de agosto en Edmonton (Canadá). Antes desa data competirá tamén no World Paratriathlon Event que se celebrará este próximo domingo 25 de maio en Bensaçon (Francia), no Campionato do Mundo de Paraduatlón (31 de maio, Pontevedra), no Campionato do Europa de Paratriatlón (Kitzbuehel, Austria, 21 de xuño) e no World Paratriathlon Event do Lago D`Iseo (Franciacorta, Italia, 5 de xullo).
Tras o Campionato do Mundo, Susana R. Gacio, que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, participará no World Paratriathlon Event de Madrid (21 de setembro), e o seu obxectivo para o próximo ano é lograr a clasificación para os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016.
Recoñecemento do esforzo
No transcurso da rolda de prensa, o conselleiro delegado do Hospital Povisa lembrou que Susana é tamén paciente do hospital, como o é o campión olímpico Carlos Pérez Rial, Perucho, con quen se asinou outro acordo de patrocinio para loitar polo ouro no próximo Campionato do Mundo de Piraguismo que se celebrará en agosto en Moscova. No entanto, lembrou José B. Silveira, ademais desta circunstancia, con estes apoios o hospital quere sobre todo “apoiar e recoñecer publicamente o tesón e o esforzo destes deportistas, e acompañalos nos próximos meses na súa loita polos títulos mundiais”.