Pontevedra organiza un roteiro polos oficios e traballos das mulleres da Moureira
A Concellaría de Patrimonio histórico, que dirixe Luís Bará, no marco do proxecto municipal “A memoria das mulleres” organiza este sábado un roteiro polos traballos e oficios das mulleres do antigo barrio mariñeiro da Moureira. O percorrido está conducido por Olga Conde e contará coa colaboración de dos alumnos do CIFP Carlos Oroza: Cristian Castillo, Lidia Fernández e Andrea Alfonso, que realizaron un traballo de investigación e entrevistas dentro do proxecto “A memoria das mulleres”.
A demanda de asistencia ao roteiro foi moi elevada polo que xa ten a inscrición pechada para este sábado. A Concellaría en colaboración coa Asociación de veciños San Roque acordaron repetilo o vindeiro 24 de maio á mesma hora.
A actividade dará comezo ás 11 horas no antigo lavadoiro do Peilán (na rúa Pelamios, fronte ao hotel Da Barca) e para participar é preciso inscribirse enviando os datos persoais (nome e apelidos e teléfono) ao correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu
A memoria das mulleres da Moureira
A Moureira, situada na beira do río Lérez, nace extramuros como arrabalde da cidade amurallada. O florecente barrio mariñeiro foi motor económico da vila durante varios séculos, tendo nos diversos oficios das súas mulleres unha achega indispensable. Baseado nalgunha das súas historias en primeira persoa, o roteiro pon en valor o traballo feminino, recollendo a memoria viva das súas mulleres: as lavandeiras, as lañadoras, as descargadoras de sal, as atadeiras ou as vendedoras da praza.











