Ponte Caldelas recibirá a visita dos “Bolechas e a Sabichona” como preámbulo do Día das Letras Galegas
A Sala de Exposicións do Centro Cultural de Ponte Caldelas recibirá a visita de “Os Bolechas e a Sabichona” o vindeiro domingo día 11 de maio, a partir das 12 do mediodía dentro das propostas lúdico-didácticas que desenvolve a Rede de Dinamización Lingüística para fomentar o uso da lingua galega entre os máis pequenos, días antes da celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Esta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, está pensada para nenos e nenas de 3 a 9 anos de idade e para as súas familias. A actividade está desenvolvida a modo de concurso cun miniteatro que abre e pecha cada sesión.
O fío condutor da actividade serán os coñecidos personaxes do ilustrador galego Pepe Carreiro que, baixo o título xenérico dos Bolechas, forman parte da literatura infantil da nosa Comunidade Autónoma.
Os Bolechas presentaranse en forma de monigotes manipulados por actores á vista, modalidade nova en Galicia utilizada tamén xa noutros espectáculos similares e que deu gran resultado entre o público infantil ao que vai dirixido.
O contrapunto dos Bolechas correrá a cargo do personaxe da Sabichona, a presentadora do concurso, un personaxe un pouco prepotente e, como o seu nome indica, moi “listiña”, que estará tamén na parte central da actividade.
Para participar formaranse dous equipos, cada un liderado por un Bolecha, que terán que enfrontarse a unha serie de preguntas e probas moi divertidas para demostrar coñecementos e habilidades a través de todo un set interactivo creado en exclusiva para o concurso.











