Ponte Caldelas pon en marcha un operativo de bacheo en viarios de comunicación interior
Operarios do Concello de Ponte Caldelas están a proceder á reparación das distintas vías de comunicación interior, e de titularidade municipal, e que son utilizados para vertebrar a dispersa rede de núcleos de poboación que compoñen este concello.
O operativo desenvolvido polo Concello de Ponte Caldelas consiste no bacheo dos viarios afectados que foron aparecendo, a maioría, pola acción das pasadas inclemencias metereológicas. Aproveitando a mellora das condicións atmosféricas o Concello de Ponte Caldelas está a proceder a resolver e pór en perfectas condicións o firme afectado destes viarios.
Para a realización destes traballos, o Concello de Ponte Caldelas organizou unha brigada de conservación e reparación composta por tres operarios e un camión municipal. Con esta brigada preténdense reparar algunhas fochancas puntuais existentes en distintos camiños.
EN BREVE RECIBIRASE O APOIO DUN CAMIÓN DE BACHEO DA DEPUTACIÓN
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, xestionou ante a Deputación de Pontevedra o apoio dun camión de bacheo que en breve axudará a resolver os problemas que presenta o firme de varios viarios de titularidade municipal. Con este camión poderase facer unha actuación máis completa para bachear viarias de máis lonxitude.
Este camión de bacheo da Deputación está provisto de condutor e xefe de brigada, habilitado para realizar labores de reparación do firme coa posibilidade de proxectar betún e realizar achegues de area e alcatrán para cubrir as fochas existentes nos distintos viarios.
Cando chegue este camión de bacheo da Deputación formarase unha brigada mixta con persoal da Deputación e operarios municipais adscritos ao Plan de Emprego, en colaboración co ente provincial.
A intención do Concello é proceder á reparación dos principais camiños e viarios afectados por algún tipo de dano co fin de manter as comunicacións interiores do municipio o mellor posible, á vez que se mellora a seguridade viaria na zona.











