‘Peri & Pecus’ serán a nova proposta do Directo Xove de Cangas
A noite do venres terá como protagonista o hip hop da man de dous xóvenes cangueses, Alejando e Daniel, os dous compoñentes de ‘Peri & Pecus’ que actuarán ás 22.30 horas na sala Moon´s dentro do programa impulsado pola Concellería de Xuventude ‘Directo Xove’.
O grupo cangués, que canta en castelán e inglés, deleitará aos presentes con varios dos seus temas compostos por eles mesmos, “nos nosos temas non reflexionamos tanto sobre a sociedade, senón que buscamos a inspiración nas nosas propias experiencias persoais” explican tendo como referencia o rap norteamericano. Ambos comezaron no mundo da música case por accidente coas denominadas “peleas de galos”, enfrontamentos nas cales os rapeiros enfrontan os seus versos. ‘Peri & Pecus’ son uns vellos coñecidos do Directo Xove, xa que participaron na pasada edición, unha iniciativa que consideran “moi boa xa que nos permite darnos a coñecer” sinalan. Nos próximos meses esperan gravar o seu primeiro disco, “esperamos telo listo antes de finalizar o ano” rematan.
A entrada ten un prezo de 3 euros, sendo de dous para os titulares de carnet xove. O recadado coas entradas irá destinado ao propio grupo.











