Pequeno tropezo do equipo de Kaiak Polo
O equipo de Kaiak Polo do R.C Náutico Rodeira de Cangas, desprazouse o pasado fin de semana a Castelló, para disputar o segundo torneo da liga nacional, alcanzando un meritorio 5º posto.
O equipo cangués trasladouse á comunidade valenciana cun equipo cheo de baixas e cos xogadores máis novos como titulares. No primeiro grupo, os do Náutico só cederon un empate ante o Náutico Banyoles, que lles custou o primeiro posto de grupo e relegándoos a segundo posto. Isto provocou, que na seguinte fase se cruzasen o primeiro, o segundo e terceiro da actual liga (Retiro, Rodeira, Castelló).
No segundo grupo, os rapaces do Náutico perderon ambos os partidos. O primeiro partido, contra Real Club Náutico Castelló, acabou cun resultado de 7-6. Neste partido, os xogadores castellonencos, dirixidos por Vicente Claramonte, souberon aproveitar os erros dos cangueses e pór o resultado ao seu favor. Finalmente no segundo partido, o Retiro, demostrou a súa condición de campión e non deron opción aos xogadores de Alejandro Casal cun contundente 6-3.
Con este panorama, os cangueses loitaron polo 5º-6º posto, liquidándoo de maneira clara, ao seu favor, por 6-4 contra a Náutico Cadeira.
Este quinto posto apea aos cangueses do seu segundo posto, pero quedan terceiros na clasificación xeral, a dous puntos do Real Club Náutico Castelló, dependendo de se mesmos para poder manter este posto e desta maneira obter unha praza para acudir ao Campionato de Europa por Clubs.











