Ourense investirá 200.000 euros na mellora de infraestruturas e asfaltado da rúa Murga e o núcleo de Eirasvedras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou, na súa última sesión, dous proxectos de mellora de infraestruturas e asfaltado en dúas zonas da cidade, por un total de 222.612 euros. Trátase da aprobación do proxecto de mellora de infraestruturas urbanas e humanización da rúa Murga de Ourense, cun orzamento base de licitación de 143.895 euros; e da aprobación de expediente para contratar a obra do proxecto de asfaltado nas rúas Capela, Pazo e Canedo, no núcleo de Eirasvedras, por un total de 78.717 euros.

Mellora de infraestruturas e humanización da rúa Murga

A rúa Murga conecta coa rúa Marcelo Macías na parte superior, e co antigo camiño de Barbadás na parte inferior. A filosofía deste proxecto, no ámbito de actuación mencionado é a seguinte: será un proxecto de pequena escala, que permitirá o acondicionamento e renovación da infraestrutura urbana; servirá de interactuación coa poboación, permitindo unha mellora da calidade de vida dos cidadáns, e producirá unha mellora da imaxe urbana. Seguindo estas premisas, melloraranse as instalacións e infraestruturas, tanto física como funcionalmente.

As actuais características, tanto do firme da calzada, como das marcas viais, presentan un deterioro considerable, e non responden aos estándares mínimos de accesibilidade. Así mesmo, os servizos e infraestruturas no tramo son moi antigos, especialmente os correspondentes á rede de abastecemento e saneamento. É por iso que a tipoloxía, características e disposición final do proxecto aprobado responde a criterios técnicos que resolverán os actuais problemas, e consideren as necesidades futuras segundo o plantexamento previsto.

O proxecto incluirá as seguintes accións:

– Substitución das redes de abastecemento e saneamento do ámbito.
– Creación dun vial ao mesmo nivel, onde a prioridade sexa o peón, cun único sentido de entrada a través da rúa Marcelo Macías e saída ao camiño de Barbadás.
– Crearase unha pequena zona de aparcadoiro na zona superior, mantendo un amplo espazo central.
– Crearase un pequeno espazo para o cidadán, que permita a súa estancia, así como unha zona de xestión de residuos urbanos e un espazo destinado aos veciños da zona.

Asfaltado das rúas Capela, Pazo e Canedo, en Eirasvedras

O ámbito de actuación deste proxecto é acondicionar e renovar a carpeta asfáltica da rúa Capela, Pazo e Canedo, viais que conforman a arteria principal de comunicación do núcleo de Eirasvedras. Asfaltaranse uns 1.000 metros, e acondicionarase unha zona colindante ao vial para aparcamento. Así, o obxecto da actuación é o pavimento dos viais, coa mellora da circulación e a seguridade dos usuarios e veciños da zona. O orzamento de execución total é de 78.717 euros.

Dentro das actuacións contempladas a realizar, atópanse as seguintes:

– Obras previas de limpeza e barrido do firme, así como a sinalización do conxunto de obras.
– Vial: suministro e colocación de mestura bituminosa e sinalización horizontal.
– Acondicionamento de pozo, arquetas e sumidoiros.
– Reposición dos servizos afectados.

17 de maio de 2014 | 16:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.