Ourense convoca as subvencións de apoio á actividade das asociacións de benestar social
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense abrirá mañá, xoves, día 8 de maio, o prazo de presentación de solicitudes para optar á convocatoria de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido do benestar social na cidade. O Concello de Ourense destinará unha achega de 325.000 euros a esta convocatoria de axudas, que se adxudicarán en réxime de concorrencia competitiva.
As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes, a través do Rexistro Xeral do Concello, dende mañá, xoves, día 8 de maio, e ata o luns, 9 de xuño, inclusive. Tamén poden solicitar máis información na Concellería de Benestar Social. As bases e a convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.
A convocatoria ten como obxectivo fomentar a realización de actividades no eido dos servizos sociais que promovan as asociacións e entidades sen ánimo de lucro e que podan ser consideradas de interese social. As actividades deberán ir dirixidas de xeito prioritario a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social. Serán obxecto das subvencións proxectos e accións que teñan por finalidade e fomento de actividades de utilidade pública e interese social ou de promoción social.
As entidades solicitantes deberán presentar unha descrición do proxecto e detalle de accións a realizar, concretando obxectivos, estimación de beneficiarios, datas e lugar de celebración, recursos humanos e orzamento, entre outros datos.
As solicitudes valoraranse tendo en conta o interese xeral da actividade no ámbito municipal, a incidencia da actividade, que as accións obxecto de subvención teñan prolongación no tempo, e recursos humanos aplicados á acción ou actividade.











