Ourense acolle as primeiras xornadas de cata e coctelería coas augardentes e licores tradicionais de Galicia
Achegar ao consumidor e ao restaurador ourensán os produtos amparados baixo o CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Baixo esta premisa celébrase este venres e sábado as xornadas de Cata e Coctelería con Bagazo e Licor Café de Galicia, que se desenvolverán no Tragaluz coa participación dun coctelero de excepción: o actual campión galego de coctelería clásica, Pedro Sestayo. Esta iniciativa, que coincide coa celebración do 25 aniversario da constitución deste Consello Regulador, supón tamén un paso adiante por parte das Augardentes e Licores para contribuír a pór en valor estes produtos con sinal de calidade.
E a selección da cidade na que se desenvolve a actividade non foi casual. “En Ourense hai unha gran tradición de elaboración e consumo destes destilados, especialmente do licor café, e con todo segue sendo a provincia galega con menos empresas e litros cualificados dentro do Consello Regulador”, explica o presidente do CRIIGG, José Antonio Feijoo. “Os produtos que ampara este Consello Regulador han pasado todos os controis de calidade, están moi ben elaborados e manteñen moi bos prezos. Por iso habemos de concienciar ao consumidor galego e tamén ao restaurador para que aprenda a recoñecelos e valoralos, e a optar por aqueles destilados con contraetiqueta como primeira opción á hora de ofrecer un espirituoso ao cliente”, asegura.
En canto ao desenvolvemento das xornadas, o venres ofrecerase unha cata comentada dos diferentes produtos amparados baixo o Consello Regulador que estará a cargo de Sonia Otero, da adega Viña Branca do Salnés, vocal e membro do panel de cata do CRIIGG. A continuación, a partir das 12h, abrirase unha barra de coctelería no mesmo local a cargo de Pedro Sestayo, que elaborará diferentes cócteles con base no Bagazo de Galicia e o Licor Café de Galicia. Esta mesma actividade será a que se desenvolva tamén o sábado, no mesmo horario.
Con este tipo de actividades o Consello Regulador aposta pola achegar os produtos ao consumidor e ás últimas tendencias de consumo, demostrando a flexibilidade e as grandes posibilidades que teñen os nosos destilados, tamén no ámbito da coctelería. “Queremos que a xente coñeza a gran calidade destes produtos, sen dúbida maior que calquera outro produto sen etiqueta que se comercializa en moitos lugares xa que é labor do Consello Regulador defender e garantir a calidade das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, asegurou Feijoo.
PROGRAMA
Venres, 30 de maio
20.30h. Cata de destilados amparados polo CRIIGG Augardentes e Licores
Tradicionais de Galicia
24h. Cócteles con Espírito Galego.
Sábado, 31 de maio
24h. Cócteles con Espírito Galego.











