publicidade hoxe

Ourense abre o procedemento de adxudicación para o servizo de acollida de vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente para contratar o servizo de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero, así como a apertura do procedemento de adxudicación, coa correspondente aprobación de cláusulas administrativas e técnicas, cunha licitación de 90.000 euros por ano. A Casa de Acollida é un recurso destinado a dar aloxamento de forma temporal e con carácter de urxencia a mulleres vítimas de violencia de xénero, e no seu caso ás súas fillas e aos seus fillos menores ou maiores dependentes.

Ten como obxectivo, por unha banda denunciar a violencia da que son obxecto en numerosos casos mulleres dentro e fóra do fogar familiar, concebindo dita problemática como unha grave lacra social, e por outra, de xeito prioritario, atender ás necesidades individuais das afectadas e persoas ao seu cargo. Con este fin, o centro acolle a aquelas mulleres que se atopan en situación de indefensión, permitíndolles gozar dun tempo e un espazo no que poidan reflexionar sobre a súa situación persoal, e alternativas á mesma, promovendo a autonomía persoal e a solidariedade entre as mulleres, e facilitándolles as ferramentas básicas que lles permitan refacer a súa vida en condicións de normalidade.

O obxecto do contrato aprobado é a prestación do servizo de aloxamento, manutención e atención integral a mulleres vítimas de violencia de xénero, e no seu caso ás fillas e aos fillos menores ou maiores dependentes que convivan coa usuaria.

Aprobación de convenio de colaboración coa Secretaría de Igualdade

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Igualdade e o Concello de Ourense para o mantemento do dispositivo de acollida para a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero. O obxecto do convenio é establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, e o Concello de Ourense, para o financiamento dos gastos correntes do funcionamento do servizo no centro municipal de atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Segundo o convenio, a Secretaría Xeral de Igualdade achegará a cantidade de 46.000 euros para gastos derivados do funcionamento e mantemento do centro, así como gastos de asistencia psicolóxica e ou xurídica dirixidos ao tratamento e atención das mulleres acollidas no centro e os seus fillos.

Solicitude de subvencións para a promoción da igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para 2014

Na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse tamén a solicitude de axudas e subvencións destinadas a entidades locais para a promoción da igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o ano 2014. Trátanse de axudas relativas ás seguintes accións:

– Prevención, sensibilización e concienciación sobre a violencia de xénero na sociedade: aulas de igualdade.

– Medidas de conciliación, sempre que os obxectivos respondan a fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborales e familiares: espazo coeduca.

– Existencia no cadro de persoal, en concreto nos postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou fomento de traballo en rede e dinamización do territorio con enfoque de xénero: programa de apoio aos centros de información ás mulleres, co desempeño das funcións de asesoría xurídica e dirección.

21 de maio de 2014 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.