Os voceiros municipais de Carballo coñecen un avance do Plan Director de Abastecemento de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A empresa GIGA (Gabinete de Ingeniería SL) vén de presentar diante dos voceiros dos grupos políticos municipais e doutros membros do goberno un avance do traballo que están facendo na análise da rede integral de abastecemento do Concello de Carballo mediante simulación por ordenador e na actualización do Plan Director de Abastecemento. Representantes da empresa expuxeron as liñas mestras de actuación para o período 2015-2030, ademais de ofrecer as claves dunha diagnose do funcionamento da rede actual de abastecemento. Neste último caso, trátase dun estudo exhaustivo que reflicte datos como o material das canalizacións, os quilómetros existentes de rede, o gasto por día, hora e incluso minuto, a reserva de auga dispoñible, as perdas que xera o sistema, etc. No que respecta aos obxectivos estratéxicos para o período 2015-2030, hai que subliñar, entre outros moitos, o de chegar ao 90 por cento da poboación, xa que nestes momentos hai dotación de servizo para o 75 por cento (uns 23.500 habitantes, aproximadamente); a mellora da eficiencia das instalacións; a extensión do abastecemento a todos os núcleos de poboación con máis de 50 habitantes; a redución das perdas (na actualidade cifradas nun 22 por cento) ata o 10 por cen; ou pasar de 170 a 250 quilómetros na lonxitude da rede de canalización de auga en todo o municipio.

Respecto do investimento necesario, o avance, e a falta de que o estudo sexa definitivo (a empresa calcula que a análise final poderá estar lista a primeiros do verán) reflicte que sería de arredor de 17 millóns de euros, repartidos neses 15 anos de horizonte que recolle o estudo. Por exemplo, serían necesarios arredor de sete millóns de euros tan só para actualizar as canalizacións. Hai que lembrar que esta análise enmárcase dentro dos estudos que está realizando o Concello para elaborar un Plan Director de Abastecemento, xa que a fins do ano 2014 vence a concesión que xestiona a rede de saneamento do Concello de Carballo, nestes momentos en mans da empresa Viaqua. Ante a necesidade de convocar un novo concurso, o Concello considera necesario realizar unha serie de estudos que permitan definir o sistema de abastecemento e con elo as accións e investimentos que será necesario acometer durante o período da nova concesión. Na xuntanza estiveron presentes, ademais dos técnicos de GIGA, os voceiros de TEGA e PSOE, Manuel Andrade e José Antonio Viña; a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; e o Alcalde, Evencio Ferrero, que se incorporou á reunión cuns minutos de atraso.

5 de maio de 2014 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.