publicidade hoxe

Os traxes tradicionais soben á pasarela nun desfile na praza da Peixería de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Praza da Peixería colle mañá, venres, unha pasarela de moda moi particular. Trátase dun desfile de traxes tradicionais galegos nos que alumnos e alumnas da Escola de Danza Begoña Fontán exhibirán máis dunha trintena de vestidos de cotío e de gala. O desfile comezará ás 20:30 horas.

Os traxes que lucirán os modelos son os que utilizan os bailaríns nos seus espectáculos de danza tradicional galega. No apartado “casual” poderanse ver varias vestimentas tradicionais das denominadas “de cotío”, que eran de uso diario e que se caracterizaban pola súa funcionalidade e comodidade, segundo os criterios da época. O desfile incluirá unha variedade de moda “de alta costura” cos traxes tradicionais de gala que se usaban para asistir ás festas ou eventos sociais da época.

Aínda que inspirados na tradición máis pura, moitas dos modelos son froito da combinación de pezas de diversos estilos ou de diferentes usos, o que lle confire un aire innovador á colección.
Os traxes foron elaborados para as actuacións, contando algún deles con varias décadas ao ser herdados de pais a fillos. Ademais do corte e estilo, para a confección tamén se respectaron ao máximo as materias primas tanto no que a calidade se refire como aos materiais que son similares os que se utilizaban o século pasado: linos, blondas, sedas, damasco, brocados… Tamén se poderán ver aos modelos calzando os tradicionais zocos de madeira.

29 de maio de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.