Os traballadores de Navantia Ferrol reclaman “futuro máis alá da campaña”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Europa Press

Membros do Comité de Empresa de Navantia Ferrol realizaron unha pegada simbólica de carteis, simulando os actos realizados polos partidos políticos este xoves, para reclamar “futuro para o naval máis alá da campaña electoral” e “seguir premendo” para que se cumpran os compromisos adquiridos.

Os carteis reflicten as grúas dos estaleiros e un barco militar. Foron pegados sobre un panel colocado na porta antiga de Navantia, no barrio de Esteiro, ao lado de onde permanece unha pancarta coa palabra “dignidade” e colgan monos de traballo de Navantia e as antigas Bazán e Astano como símbolo das reclamacións de carga de traballo.

Os traballadores manterán así as súas accións reivindicativas para “contrapoñelas coas promesas” políticas, asegurou o voceiro do Comité de Empresa, Ignacio Naveiras, co obxectivo de lograr que se materialice en firme a construción do Buque de acción marítima (BAM) anunciado este mércores e os proxectos de eólica mariña off-shore.

Así, avanzou que os traballadores estarán pendentes cada venres da celebración do Consello de Ministros, ao ser onde se ten que aprobar definitivamente a construción do BAM cunhas “datas concretas”.

O anuncio realizado este xoves polo presidente da Sepi, Ramón Aguirre, de que o gasero para Gas Natural sería construído nos estaleiros da baía de Cádiz, interprétase por parte do Comité como “outro anuncio electoralista”, tamén “sen prazo previsto”.

UNHA DIRECCIÓN “AMORTIZADA”

Ademais, ao igual que sucedeu co anuncio en Santiago de Compostela da construción de dous BAM para a Armada española -un en Ferrol e outro en Cádiz-, fíxose sen a presenza do presidente de Navantia, o que Naveiras interpreta como unha demostración de que a dirección da empresa “a día de hoxe non pinta nada” e “que está amortizada polo PP”. Por iso, pide que “sexa renovada de inmediato”.

O Comité tamén anunciou que “loitará” para que o estaleiro de Fene “teña un papel destacado” nos encargos que Iberdrola podería realizar a Navantia no ámbito da eólica mariña off-shore.

Segundo os datos apuntados pola dirección nunha reunión co Comité intercentros, apuntou Naveiras, o acordo xeraría “preto de un millón cincocentas mil horas de traballo” e suporía “entrar nun nicho de mercado” que sería “moi axeitado para Fene e Porto Real”.

9 de maio de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.