Os socios do Proxecto ARIEM 112 de cooperación transfronteiriza analizan novas vías de actuación
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu hoxe en Oporto, na sede da CCDR-N, á reunión dos comités executivo e asesor do Proxecto ARIEM 112, na que tamén estiveron presentes o presidente da CCDR-N, Emilio Gomes, así como Xerente e representantes da Axencia Galega de Emerxencias, autoridades da Agencia de Protección Civil de Castilla y León e representantes do Instituto Nacional de Emergencia Médica (INEM) e da Seguridade Pública (PSP) de Oporto.
Na xuntanza fíxose un seguimento das actividades desenroladas ata o momento e expuxéronse as actividades previstas ata a finalización do mesmo en xuño 2014, e á vista dos bos resultados acadados no marco do Proxecto, os participantes na reunión debateron reunión as futuras liñas a seguir para consolidar os logros sobre os que se asenta a colaboración transfronteiriza, o que se poderá levar a cabo grazas ao reforzo que o Secretariado Técnico Conxunto do POCTEP acordou outorgar a este proxecto.
Segundo relatou o director xeral as rexións involucradas no proxecto identificaron futuras vías de actuación que se consideran estratéxicas para afondar na consolidación e desenvolvemento dos logros conseguidos nesta primeira fase, coma son consolidar unha canle común de comunicacións para a xestión de emerxencias transfronteirizas, baseado no estándar TETRA, impulsar o uso das novas tecnoloxías TIC en materia de emerxencias, estandarizar os materiais e equipos que faciliten o traballo conxunto e permitan unha reciprocidade e intercambios de materiais e medios humanos nas xestión de sinistros.
O proxecto ARIEM 112 facilita e promove a colaboración transfronteiriza co fin de conseguir que vivir na fronteira non sexa un inconveniente á hora de ter a mellor resposta posible ante as emerxencias. Entre todas as administracións implicadas buscase que os habitantes da zona transfronteiriza estean máis seguros e dispoñan dun óptimo servizo de xestión e de atención das emerxencias, e que a fronteira en definitiva, non sexa xa unha liña que divida senón que una rexións.
Este proxecto de cooperación esta financiado parcialmente pola Comisión Europea dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Norte de Portugal (POCTEP) 2007-2013, e ten por obxecto o establecemento dun mecanismo de colaboración entre os servizos de xestión e mobilización de recursos ante emerxencias na zonas transfronteirizas do Sur de Galicia, Norte de Castela e León e norte de Portugal, mediante a implantación de ferramentas comúns (informáticas e de comunicacións), a formación e implantación de métodos e protocolos de intervención comúns a todos os servizos.
Simulacro internacional no río Miño
Ademais, durante a reunión do Comité Executivo anunciouse o próximo simulacro internacional de Rescate no Río Miño que se vai celebrar o vindeiro día 14 de maio en augas internacionais do río Miño entre as localidades de Vila Nova de Cerveira (Portugal) e Goián-Tomiño (España).











